Elixida a xestora que rexerá a nova agrupación de Protección Civil de Monforte
Este mércores quedou constituída a xestora da Agrupación de voluntarios de Protección Civil do Concello de Monforte, dando así cumprimento ao acordado no pleno da Corporación celebrado en xullo de 2020, no que se aprobaba o novo regulamento da agrupación para adaptalo á lexislación vixente.
Tal e como se recolle nese regulamento, como paso previo ao inicio do funcionamento da nova agrupación, procedeuse ao nomeamento da xestora, na que traballarán: Tomás Losada González (presidente), Manuel Fernández Álvarez (secretario), Dositeo Piñeiro Rodríguez (tesoureiro) e Pablo García Freire, Carlos García Expósito e Antonio Iglesias Rodríguez (vogais).
SOLICITUDES PARA SER VOLUNTARIOS
Os membros da xestora tomaron posesión do seu cargo na mesma xuntanza e xa comezaron a traballar. De feito, está previsto que de xeito inmediato se abra o prazo para que todas aquelas persoas interesadas en formar parte da Agrupación de voluntarios de Protección Civil de Monforte poidan solicitalo. Para iso, deberán cubrir a correspondente instancia e presentala no Rexistro xeral do Concello ou a través da sede electrónica do mesmo.
Para formar parte da agrupación como voluntarios, requírese ser maior de 16 anos e non estar inhabilitado para a función pública.
A recén constituída xestora adicarase, en primeiro lugar, a organizar o funcionamento da futura Agrupación de voluntarios, e unha vez concluída esta fase, celebrarase unha asemblea para a elección da nova directiva, unha vez superado tamén o período de solicitudes.
O cometido da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Monforte é, en coordinación co Concello, "garantir a coordinación preventiva e operativa respecto da protección das persoas e bens ante os danos que sexan producidos por situacións de emerxencia nos casos de grave risco, catástrofe ou calamidade pública, sen esquecer todo tipo de emerxencias menores, mediante actuacións que permitan evitar as mesmas, reducir os seus efectos, reparar os danos e, no seu caso, contribuír a corrixir as causas produtoras das mesmas”.