Edu Soto e Iván Massagué serán os pregoeiros da XLIV Feira do Viño de Quiroga

A XLIV Feira do Viño de Quiroga contará este ano con dous nomes coñecidos do panorama audiovisual como encargados de dar o pregón inaugural. Os actores Edu Soto e Iván Massagué serán os pregoeiros dunha edición que se celebrará os días 3, 4 e 5 de abril, co acto central do pregón previsto para o sábado 4.
Edu Soto é actor, humorista e cantante, cunha ampla traxectoria en distintos ámbitos do espectáculo. Traballou con Andreu Buenafuente e acadou gran popularidade con personaxes como El Neng de Castefa, coñecido pola súa expresión «¡Qué pasa, neng!». No ámbito cinematográfico participou en máis dunha ducia de películas, principalmente comedias, interpretando papeis como Mortadelo en “Mortadelo y Filemón. Misión: salvar la Tierra”, Curro en “Perdiendo el este” ou Rodrigo Rodríguez en “Los Rodríguez y el más allá”. A súa carreira esténdese tamén ao teatro, á televisión, á radio e a numerosos programas de humor, nos que colaborou como invitado, concursante ou presentador.
Pola súa banda, Iván Massagué desenvolve a súa actividade profesional no cine, no teatro e na televisión. Nos últimos anos a súa proxección internacional medrou de forma notable tras o éxito da película “El Hoyo”, na que interpreta o personaxe protagonista, Goreng. Ao longo da súa carreira participou en 24 filmes e nunha trintena de series de televisión, sendo especialmente recordado polos seus papeis en producións como “El Barco”, “Siete vidas” ou “La familia Mata”.
Ambos serán os encargados de abrir oficialmente unha nova edición da Feira do Viño de Quiroga, unha cita consolidada no calendario festivo e vitivinícola da comarca.