Desde o SLG reiteran á Consellaría do Medio Rural a solicitude de convocatoria dunha mesa de traballo
Desde o Sindicato Labrego Galego denuncian que os 2 millóns de euros que anunciou a Xunta para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, deixou de lado as persoas viticultoras, xa que as produtoras "seguen sen ter percibido ningún apoio económico por parte da Consellaría do Medio Rural (CMR). Nin sequera se tentou dar pasos para adoptar o marco legal para aprobar axudas ao sector produtor empregado xa en xullo pola súa homóloga na Rioxa".
A CMR anunciou a creación dunha mesa de traballo con participación das organizacións agrarias que se baixaron das mobilizacións, pero non consta que se reunira máis veces que aquel día para a foto e desmobilizar ao sector. "Ao abeiro deste abandono e desleixo institucional, proliferan xa os casos de incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, principalmente de adegas que se negan a recoller, mercan por baixo do prezo acordado ou non queren realizar contratos ás viticultoras", explican.
O SLG denunciou ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) varios destes abusos, solicitando a apertura de investigacións para determinar posibles incumprimentos de contrato e vulneración da Lei 12/2013.
Así, declaran que "temos xa coñecemento de varios os casos de persoas que están abandonando a actividade na procura doutra profesión ca que obter unha remuneración para poder sobrevivir".
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas cuestiónanse se o “plan” da conselleira, María José Gómez Rodríguez, é "deixar que pase a vendima. De ser así, lembrámoslle que en dous meses vai comezar a do 2025, posto que haberá que decidir se se podan as viñas para o vindeiro ano. Que vai facer a Consellaría para que esta catástrofe non se repita?"
Con todo, reiteran á Consellaría do Medio Rural a solicitude de convocatoria dunha verdadeira mesa de traballo, con tódolos axentes do sector, a activación de axudas de emerxencia ás persoas vitucultoras e traballar de contado na elaboración dunha estratexia para salvar a vindeira campaña.