Desde o Goberno local de Chantada poñen en valor o bo desenvolvemento das Festas Patronais
As Festas Patronais de Chantada convértense cada ano na segunda quincena de agosto nun reclamo para turistas e xente da contorna, ademais de traer ao municipio a moitas persoas de Chantada que están fóra e aproveitan estas datas para volver e visitar ás familias.
Desde o 22 ao 27 de agosto desenvolvéronse os diferentes actos festivos, pero xa desde comezos de agosto notouse un gran ambiente nas rúas.
“A persoa que vén ás Patronais de Chantada despois repite e volve un ano si e outro tamén. As festas son case o remate de verán, son días de ledicia e felicidade, sempre é importante o clima, como este ano, porque se chove á xente cústalle máis saír da casa. En todo o verán viuse moita xente de fóra en Chantada. Ás veces víase as terrazas ateigadas e con moita xente que non coñecía”, destaca o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.
Por segundo ano celebráronse concertos no primeiro día de Festas Patronais, o xoves 22 de agosto, que se desenvolven na Praza de Catro Camiños: “O obxectivo que buscamos desde o concello é repartir os escenarios pola vila para chegar á maior cantidade posible de lugares e de xente. A zona de Catro Camiños agradece que alí se fagan actividades”, apunta o concelleiro de cultura, Manuel Diéguez.
O venres foi a cita co Festival de DJ´s na Praza do Pavillón, como explica Manuel Diéguez, unha proposta que funciona e que trae cada ano a máis xente nova. “O Festival de DJ´s é unha das cousas das festas que vai a máis, sen dúbida, pola cantidade de xente que vén na franxa de idade de 17 a 25 anos. Os artistas que nos acompañaron este ano eran de primeiro nivel e iso nótase no público”.
O concelleiro de cultura destaca tamén o bo funcionamento no cambio do concerto posterior ao Folión de Carros e o éxito do Folión, “O Folión de Carros foi excepcional, con 16 carros perfectamente engalanados desempeñando os seus oficios que nun tempo record fixeron o percorrido. O traballo da Asociación Amigos do Folión cada ano vai a máis. Este ano notouse máis xente despois do Folión porque ampliamos a festa coa actuación dunha orquestra de renome como Tango e a xente aguantou ata altas horas”.
Numeroso público seguindo o Folión de Carros e ao día seguinte no XXXIII Certame de Bandas de Música de Chantada que se desenvolveu na Praza do Cantón. O 27 de agosto, no último día das Patronais de Chantada, a actividade central era a Festa da Empanada que se leva a cabo no Campo do San Lucas. Desde o concello reforzouse o servizo de autobuses e recoméndábase a súa utilización.
“Agradecer o bo funcionamento do servizo e agradecer ás persoas que seguiron as suxestións, con todo, celebrouse un excelente final de festa”, como apunta Manuel Diéguez. “Notouse o reforzo dos buses porque se axilizou a subida e a baixada. O campo quedábase pequeno para acoller a grupos de Taboada, Rodeiro, Carballedo…, contamos con moitas pandillas de concellos limítrofes aos que lles agradecemos que nos acompañaran. Agradecer tamén a todos o que colaboraron coa organización”.
A seguinte cita festiva que reúne a numeroso público en Chantada será o 8 de setembro coa romaría no santuario do Monte Faro. Xornada na que alcalde entregará as xoias á Virxe do Faro que se elaboraron no obradoiro impartido pola ourive compostelá, Susi Gesto.