Desde Espertamonforte rexeitan o proxecto de urbanización da Zona D

RibeiraSacraXa
"Trátase dunha iniciativa que responde a un plan urbanístico de hai máis de 30 anos, desfasado e carente de visión moderna", sosteñen
Germán-Vázquez-Esperta-Monforte
14 Out 2024

O grupo municipal de Espertamonforte manifesta o seu "profundo desacordo" coa recente aprobación, por parte do equipo de Goberno, do proxecto de urbanización da Zona D.

"Trátase dunha iniciativa que responde a un plan urbanístico de hai máis de 30 anos, desfasado e carente de visión moderna. De acordo coas necesidades actuais da nosa cidade, Monforte de Lemos merece un desenvolvemento urbanístico orientado ao futuro, non ao pasado".

Así, destacan que en vez de abordar os problemas reais que afectan á cidade, como a "preocupante situación de vivendas baleiras e en ruínas que se atopan espalladas polo municipio, este proxecto limítase a urbanizar unha zona cuxa proximidade ao conxunto histórico do colexio dos Escolapios e á explanada de Compañía, así como o río Cabe, polo que habería que repensar o seu enfoque desde o prisma do patrimonio e a protección do medio ambiente", sosteñen.

En Espertamonforte consideran que este tipo de decisións "non só non aportan valor engadido a Monforte, senón que ignoran os retos reais aos que se enfronta a cidade. É urxente apostar por un modelo urbanístico que dinamice o centro, que poña en valor o patrimonio, e que contribúa a solucionar o problema das vivendas baleiras e abandonadas. Estas vivendas supoñen unha oportunidade de rehabilitación e recuperación da nosa contorna urbana, cun claro beneficio social e económico".

Ademais, engaden que Monforte precisa de proxectos innovadores que miren cara ao futuro e que estean aliñados coas tendencias actuais en materia de sustentabilidade, rexeneración urbana e mellora da calidade de vida dos seus cidadáns. "Apostar por plans antigos e obsoletos non nos levará a onde queremos estar como cidade".

En Espertamonforte reiteran a vontade de traballar por unha Monforte "moderna, inclusiva e sostible, onde o desenvolvemento urbano forme parte dunha visión de futuro e non dun pasado que xa non responde ás nosas necesidades", conclúen.

0.18260812759399