Dende Interior Galego Vivo denuncian a situación "que están vivindo as persoas relacionadas coa viticultura da Ribeira Sacra"

RibeiraSacraXa
Cren que as medidas urxentes para a campaña deste ano pasan porque a Xunta "contribúa con axudas directas a quen manteña superficie traballada en muras ou bancais"
Interior-Galego-vivo
14 Ago 2024

Dende Interior Galego Vivo denuncian a situación "que están vivindo as persoas relacionadas coa viticultura da Ribeira Sacra, xa que moitas adegas estanlles comunicando que non lles recollerán a uva, mentres medran os ruxe-ruxe de medidas desde a Xunta que pasan por subvencionar a distribución, e as grandes adegas deixando os produtores sen unha normativa clara que garanta a recollida e o pago a prezos dignos", explican.

Así, defenden que se recoñeza a "singularidade do viñedo tradicional de ribeira, e que este tipo de cultivo estexa protexido e apoiado en maior medida, dada a fraxilidade do momento, cunha elevada media de idade das persoas produtoras e coa crise dos excedentes de viño tinto, xa que non hai futuro para a Denominación de Orixe e a Ribeira Sacra sen fixar poboación e sen paisaxe de ribeira cultivada de viñedo e, sobre todo, sen as xentes que a constrúen, non hai Patrimonio da Humanidade, só un parque temático con algún enclave turístico. Para evitar o abandono de terras e o despoboamento da zona, precisamos facer sustentábeis as actividades económicas, como a viticultura".

Por todo isto, cren que as medidas urxentes para a campaña deste ano pasan porque a Xunta "contribúa con axudas directas a quen manteña superficie traballada en muras ou bancais, no inmediato é necesario que se pague aos viticultores por cada quilo de uva que se vai tirar, co que se evitarían novos excedentes ao non entrar viño nas adegas".

Ademais, entenden que tamén habería que adoptar dúas medidas: "unha moratoria sobre novas plantacións até polo menos 2027, suspendendo a Xunta as axudas a reestruturación de viñedo e substituíndoas por axudas para enxertar en verde e mudar a castes máis comerciais na demanda actual; e unha zonificación rigorosa por parte do Consello regulador en función das parcelas catastradas e non de ámbitos parroquiais moi heteroxéneos, delimitando con claridade que parcelas poden producir uva dentro da DO Ribeira Sacra e incrementando os controis".

Por último, din, "é fundamental aumentar as campañas de promoción, que deben incidir no local e no mercado galego e non ollar só para o exterior, e dispor dunha estación de vixilancia con avisos metereolóxicos e fitosanitarios".

MEDIDAS PARAS AS VINDEIRAS CAMPAÑAS

  • Axudas directas a colleiteiras e colleiteiros por manteren a paisaxe e o territorio vivos nunha viticultura intensiva en mao de obra e de moi baixo redentemento. Estas axudas deberían facerse coa PAC e desde a Xunta, mentres que os concellos deberían estabelecer taxas turísticas en todo o xeodestino Ribeira Sacra para a mellora das infraestruturas.
  • A Consellaría de Medio Rural debe elaborar estudos de custe por subzonas da Ribeira Sacra para trasladar ao MAPA e dar cumprimento á Lei da cadea alimentar.
  • Poda en verde e baixar rendementos.
  • Destilación de crise solicitada ao MAPA e á Comisión en prazo, xa que este ano si se autorizaron para Chequia, Austria e Portugal con cargo ao orzamento da PAC.
  • Mellora da promoción, tamén orientada ao mercado galego, buscando a singularidade da DO Ribeira Sacra que non pode ser só sinónimo de mencía.
  • Estabelecer unha estación de vixilancia con avisos meteorolóxicos e fitosanitarios.

Finalmente, IGV quere subliñar que "sen unha mobilización forte desde o sector e un compromiso firme desde os os gobernos locais para apoiar as demandas dos sindicatos e facer unha fronte común diante da Xunta, así como desde o Consello Regulador para informar as persoas viticultoras e desenvolver medidas valentes vai ser irreversíbel o proceso de abandono macizo de hectáreas e viñedo na Ribeira Sacra comprometendo o elemento máis singular da DO e tamén a cerna da candidatura a Patrimonio da Humanidade. É tempo de altura de miras e audacia", conclúen.

0.18006992340088