Decenas de personas participaron en Monforte nas visitas guiadas pola Xornada Europea da Cultura Xudía

O Concello de Monforte celebrou este domingo, 7 de setembro, a Xornada Europea da Cultura Xudía cun programa de dúas visitas comentadas á zona xudía da cidade. As rutas, de carácter gratuíto e cunha duración aproximada de hora e media, partiron da Oficina de Turismo (Rúa do Comercio, 6) ás 11:30 e ás 18:00 horas, baixo a dirección do investigador monfortino Felipe Aira.
A actividade enmarcouse no programa de Verán Cultural impulsado polo equipo de goberno municipal. A tenente de alcalde, Gloria Prada, asistiu á primeira das visitas, que se prolongou máis do previsto pola alta participación e o interese xerado entre o público.
Monforte de Lemos forma parte da Red de Juderías de España-Caminos de Sefarad, xunto con outras 20 cidades, un recoñecemento ao seu pasado medieval e á pegada da comunidade hebrea. A pertenza a esta rede permite desenvolver iniciativas de divulgación e posta en valor do patrimonio histórico e artístico local.
A temática elixida para a xornada deste ano pola Red de Juderías, en coordinación coa Asociación Europea para la Preservación y Promoción de la Cultura y el Patrimonio Judíos, leva por lema “el pueblo del libro”, co obxectivo de transmitir que cada persoa é un libro e, conxuntamente, formamos unha biblioteca viva.