Decenas de expertos reuníronse en Chantada no II Foro de Innovación Empresarial
Chantada acolleu este martes, 14 de xaneiro, o II Foro de Innovación Empresarial enmarcado no programa Conecta Lugo, impulsado pola Consellería de Economía e Industria en colaboración coa Confederación Empresarios de Lugo (CEL). O encontro desenvolveuse no auditorio municipal, cun gran éxito de participación.
A xornada puxo o foco no fomento da cultura da innovación entre as empresas da Zona Sur da provincia de Lugo, e contou coa participación de Xavier Marcet, consultor en estratexia, innovación e emprendemento corporativo, presidente de Lead To Change LTCproject e autor de varias publicacións de referencia en materia de xestión e competitividade empresarial.
Durante o encontro, os expertos abordaron o papel do talento e a innovación na transformación territorial, consolidándose como un espazo clave para impulsar o futuro do tecido empresarial galego.
172,6 millóns para promover a competitividade
A directora do Igape, Covadonga Toca, asistiu á cita acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. Durante a súa intervención, Toca destacou que esta semana publicáronse 15 liñas de axudas que suman máis de 172 millóns de euros, unha “cifra histórica” destinada a mellorar a competitividade, a innovación e o financiamento de pemes e autónomos galegos.
Estas axudas, agrupadas en tres grandes bloques – financiamento, competitividade e innovación –, buscan dotar ás empresas dos “recursos necesarios para afrontar os retos globais e liderar a transición cara a un futuro máis sustentable e tecnolóxico”.
Neste contexto, a directora subliñou a importancia dos novos programas IA 360 e Igape Innova, publicados hoxe mesmo no Diario Oficial de Galicia (DOG), que constitúen unha aposta decidida pola modernización e transformación dixital do tecido empresarial galego.
Así, o programa IA 360 está deseñado especificamente para fomentar a adopción da intelixencia artificial nas empresas. Cun orzamento de 10,2 millóns de euros ofrece financiamento para tres áreas clave: para iniciativas de desenvolvemento tecnolóxico baseadas en IA, para a implantación de solucións comerciais que integren intelixencia artificial nos seus procesos, e para a formación do persoal das empresas co obxectivo de garantir unha adaptación efectiva ás novas tecnoloxías.
Pola súa banda, o programa Igape Innova, cunha dotación de 4 millóns de euros, céntrase no impulso da modernización dos procesos empresariais e o desenvolvemento de novos produtos e servizos. A liña, explicou Toca Carús, dá prioridade ao deseño sustentable e á transformación dixital, aspectos clave para que as pemes galegas poidan competir nun mercado global cada vez máis esixente.
Ambos programas compleméntase, no ámbito da innovación, co Ticket Innova, publicado onte no DOG e que facilita o acceso a servizos de certificación, deseño industrial e tecnoloxías emerxentes ás empresas que están a comezar o seu camiño na innovación.
Neste marco, a directora destacou tamén a creación da área de innovación empresarial no Igape, que potencia a colaboración entre centros tecnolóxicos, universidades e empresas, garantindo que o coñecemento xerado se converta en solucións aplicables ao mercado. Segundo Toca Carús, “a innovación é a chave para liderar os mercados e transformar os retos globais en oportunidades”.