David L. Gesto achega de maneira permanente a figura do Apalpador ao Courel
David L. Gesto realizou unha figura do Apalpador para a súa colocación na Oficina Municipal de Turismo do Concello de Folgoso do Courel.
Esta réplica a tamaño real formará parte da exposición permanente de pezas que xa ten a Oficina Municipal de Turismo. Preténdese que sirva como un reclamo para os visitantes que se acheguen á zona. Este espazo promoverá o coñecemento desta figura tradicional galega e a súa historia como parte da cultura e das lendas da zona.
A figura do Apalpador está elaborado con porex, cartón pedra e acrílicos.
Apalpador
Desde o interior da provincia de Lugo nas montañas do Courel e do Cebreiro, un xigante carboeiro, baixa das devesas da montaña para facer unha visita aos máis pequenos e comprobar se cada ano están ben alimentados. Este individuo coñecido como Apalpador ou Pendigueiro é unha figura lexendaria galega que leva agasallos aos nenos en Nadal.
Vello, apracible, barbudo e grande, fuma en pipa, leva boina e viste chaqueta de moitas cores con pantalóns cheos de remendos.
En Noiteboa e Noitevella o Apalpador abandona as montañas para baixar ata as aldeas e entrar sixilosamente nas habitacións dos máis pequenos. O seu obxectivo é palpar as súas barrigas, ver se comeron suficientemente durante o ano e deixar castañas. Se ademais foron bos, tamén deixarán algún agasallo para desexar un aninovo cheo de felicidade e comida.
Nos últimos anos os concellos están a traballar para recuperar esta figura en Cabalgatas de Reis ou actividades do Nadal. Tamén son moitas as obras de teatro de monicreques, charlas ou documentais que difunden a figura do Apalpador. Nelas, ademais de repartir agasallos, transmite unha mensaxe de respecto pola natureza e coidado do medioambiente.