Cúmprese unha semana da celebración da IX Feira Guímara da Pobra do Brollón, que foi un éxito
O Concello da Pobra do Brollón, organizadora da Feira Guímara que este ano cumpriu a súa novena edición, fixo unha valoración positiva do desenvolvemento deste evento.
Así, din que "baixo a sombra das árbores pasamos unha xornada de confraternidade e celebración do espírito guímaro, celebrando unha das citas máis esperadas polos guímaros e guímaras. Quedamos xa impacientes pola décima edición", aseguran.
Conta a lenda que foi precisamente á sombra dun pino onde se xuntaron os e as habitantes da Pobra do Brollón para acordar non pagar tributos e levantarse en armas contra o conde de Lemos, revolta que recrean veciñas e veciños cada ano na Feira Guímara.
A historia do pino estivo presente no pregón da presente edición da Feira, a cargo do biólogo Carlos Rodríguez Dacal. Tras o pregón, Dacal estivo asinando exemplares do seu novo libro 'Árbores Simbólicas Pobrenses', no que ten un capítulo adicado ao piñeiro lendario do Brollón, xunto coa sobreira da Casa do Tristo e o pinarete de Herbella.
Ademais do libro, como recordo desta novena edición da Feira, as e os asistentes pudieron levar unha camiseta estampada co deseño do cartel, no que as árbores tamén teñen un grande protagonismo, de Juan Pablo Venditti.
As árbores do campo da feira deron sombra ao longo do día aos postos, as mesas comunitarias do xantar, e os espazos dos xogos populares onde continuou a celebración ata a noite.
Ao solpor, comezaron os concertos, comezando polos ritmos frenéticos e bailables de Fanfarria Taquikardia e rematando co punk rabioso e enerxético de Radio Océano.