Correspondencia entre Manuel María e Gabriel Aresti (III)

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
En Faíscas que espalla o vento, Raúl Río fai un percorrido polos feitos da historia máis recente e coa perspectiva actual
4 Aug 2022

Por Raúl Río

Na carta, datada en Monforte o 2 de xuño de 1970, Manuel María dille:

“Meu querido amigo: Acuso recibo da túa carta e dos teus sonetos en castelán. Paréceme moi ben a túa idea. Aí che vai a miña versión ao galego. E tamén uns poemas meus sobre o tema, escritos á presa, como se fan sempre estas cousas. Empreguei a forma de cantiga debido a que é o metro en que está escrita a lírica dos Cancioneiros medievais. A cantiga, por outra parte, está bastante desprestixiada entre nosoutros, debido ao uso e ao abuso que de ela se fixo nestes últimos anos, nos xogos florais que se celebran en todas as cidades, vilas, aldeas, lugares e casaríos de Galicia. De todos xeitos eu emprego este metro porque é unha estrofa privativa nosa, consagrada desde o século XI. Agardo que os poemas sirvan e que non che parezan demasiado malos.

Con referencia o último dos teus sonetos, debo aclararche que non me apelido Franco. Os meus apelidos son Fernández -como case todos os galegos- e o segundo Teijeiro. O que pasa é que anda un señor por Galicia -creo que aínda vive- que se apelida Franco Grande que escribe versos. Polo demais, segundo teño entendido, é boa persoa y bastante bo galego. Así que terás que amañar o último verso do terceiro soneto. Os meus vinte e tantos libros están firmados simplemente co meu nome: Manuel María.

Non me estraña nada ese problema do que me falas con referencia aos nosos emigrados. É unha xente con un terrible complexo de inferioridade que, ao saír da súa terra, vai gañar a vida a onde sexa e como sexa. É natural, por outra banda, que a miseria material, traia tamén a miseria espiritual unha serie de taras psíquicas, imposibles de curar. Gustaríame falar contigo disto. É un fenómeno que me ten chamado a atención e sobre o que teño meditado. Con todo eu persoalmente teño unha pena e unha comprensión inmensa para esa xente que o único que intenta non é vivir, senón sinxelamente sobrevivir”.

Compre dicir que Gabriel morreu prematuramente o 5 de xuño de 1975, polo que  non puido publicar o libro e os poemas, que so foron publicados con moitas erratas no programa de festas, desapareceron cos programas. Mais tarde chegaron ás miñas mans e pedinlle a Manuel María que me traducira os de Aresti ao galego, coa idea de facer o libriño en galego e en éuscaro, que Aresti quería haber feito, respectando o español que utilizou nos seus sonetos para que o entendéramos os galegos.

Logo veu por Euskadi o amigo Xurxo Martínez Crespo, comenteille o tema e díxome que o podía publicar FESGA (Fundación para o estudo e divulgación da cuestión social e sindical en Galiza), á que logo se sumou IPAR HEGOA (Ikasketa sindikaletarako fundazioa). As dúas fundacións: A da CIG e a do sindicato vasco LAB, do que eu era delegado. Algo co que eu nin soñaba.

Logo conectamos co poeta vasco Edorta Jiménez (que xa nos traducira, co pseudónimo de Omar Nabarro o libriño Saturno, de Manuel María; editado pola A. C. Rosalía Castro de Barakaldo co gallo do Día das Letras Galegas de 1989) para que o pasara ao éuscaro e de aí saíu o libro “Galegos en Bizkaia-Galiziarrak Bizkaian” cuxa portada podedes ver na foto que acompaña este artigo.    

Despois destra aclaración, seguimos coa carta do poeta chairego, que segue así:

“Non coñezo persoalmente a Carlos Martínez. Gustaríame coñecelo. Supoño que o coñecerei algún día.

A Academia Galega, que por certo acaba de nomearme Correspondente, é unha especie de caverna habitada por una santa compaña pintoresca e anacrónica. Iso da Ortografía fíxoo á pata cha. Pero algo é algo.

Eu coa VAL DE LEMOS perdo diñeiro, anque non moito. Hoxe o libro galego empeza a ter un bo mercado. O que pasa é que fai falta una distribuidora eficiente. E tamén era moi necesaria unha editorial xoven con auténtica garra. Teño pensado moito nisto. O que pasa é que vivo nun pobo de 20.000 habitantes con dúas imprentas anticuadísimas. E o único que podo facer é a colección de poesía.

En canto a min o único que podo dicirche é que teño para publicar dous libros en Bos Aires: un de contos, premiado o año pasado e outro de versos, bastante voluminoso, escrito do ano 1963 ao 1970 aproximadamente. A “Celta” de Lugo anda coa segunda edición dun vello libriño meu: DOCUMENTOS PERSONAIS. E “Castrelos”, de Vigo pensa sacar para o outono a miña farsa escrita en xaneiro deste año, dentro do teatro para monicreques, do estilo de BARRIGA VERDE, que se titula AUTO DO CASAMENTO, GOBERNO E XUSTICIA DO REI BULULÚ. E a mesma editorial tenme encargada unha antoloxía da miña propia poesía, escollida por min. A propósito de antoloxías non sei si che enviei a miña bilingüe, que publicou ADONAIS, de Madrid. Si non cha enviei, dimo e fareino.

A ver si fas unha escapada hasta Monforte de Lemos. A miña casa (escusado é dicilo) está aberta para todos os amigos. Ti serás ademais un amigo de excepción.

Por hoxe non se me ocorre nada más.

Saúdos a Carlos Martínez.

Un forte abrazo para ti do teu bo e agradecido amigo”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16710710525513