Conversa con José Campanari, narrador oral, director de teatro e escritor

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Unha serie de artigos, breves e sen pretensións que expoñen o punto de vista de Fernanda Arrojo para recomendar as visitas a Lugo
Fernanda 300x300
12 Abr 2023

Por Fernanda Arrojo.

José Campanari naceu no seo dunha familia de orixe italiana instalada en Bos Aires.

Onde concretamente?

En Chacarita, un barrio alegre ás portas do cemiterio no que, ao contrario a outras zonas da cidade onde vivían persoas da mesma nacionalidade, no meu barrio había unha mestura de moitas culturas, sendo exemplo disto o negocio do meu pai, unha tenda de papel de embalaxe, na que un dos seus socios era de orixe española e o outro xudeu israelí.

E de onde vén a túa vea artística? Crieime rodeado de teas e botóns, xa que o meu avó materno era xastre de alta costura, e as súas fillas, entre elas a miña nai, traballaban na confección, cada unha especializada nunha tarefa: unha facía pantalóns, outra chalecos, outra solapas... Algunha delas pasou á moda feminina, seguindo co oficio, pero miña nai, que asistiu a clases de cociña cando eu era pequeno, levándome de cando en vez con ela, comezou a dedicarse á pastelería artesá. E eu, xa na miña adolescencia, comecei a axudala. Así que entre xastres, costureiras e cociñeiras nace a miña sensibilidade artística e o meu gusto pola estética.

Mais, estudaches arquitectura?

Fixen unha especie de FP, Construcións, durante tres anos no instituto. Despois de superar unha enfermidade vírica que contraín mentres servía no exército, pola que estiven hospitalizado seis meses, quixen facer publicidade. Pero, daquela, só había un instituto, non eran estudos universitarios, entón optei pola arquitectura que nunca rematei.

Daquela empezaches a dedicarte ás artes escénicas?

Si, porque na universidade entrei no coro e no grupo de teatro, orientando cada vez máis a miña formación cara ao escenario fóra do ámbito universitario. Antes de ir á Universidade, na miña adolescencia, fixen algo de teatro nunha parroquia. E gustoume. Tamén estiven formándome en canto, en expresión corporal, xa que preto da miña casa había unha especie de escola onde traballaban os que serían os meus mestres. Alí formeime en teatro infantil, comedia musical, danza contemporánea...

De que ano estamos a falar?

De principios dos oitenta, durante a ditadura, con algún que outro conflito por motivos absurdos, como non poder estar en grupo na rúa, nin sequera nunha parada de autobús.  Pero, a verdade, afectoume pouco porque cando xa estou de cheo no teatro, son os últimos tempos da ditadura, habendo xa certa apertura.

Organizouse un ciclo de teatro do que saíron importantes actores e directores. E mesmo houbo todo un movemento chamado Teatro Aberto, no que se representaban obras coa temática da ditadura.

Cando comezaches a dedicarte á narración oral?

En Arxentina. Estaba dando clases de expresión corporal, cando uns amigos contacontos buscáronme para un traballo corporal, xestual, e alí tomei contacto coa narración oral por primeira vez.  Ao principio, propoñendo cousas ata que nunha maratón contei a historia dun home que rouba un banco cun secador de pelo. E non o fixen como narrador, senón como público. E iso gustoume. Era algo moi diferente ao que viña facendo: expresión corporal, música infantil e teatro mudo. Nesa experiencia inicial sentinme moi cómodo e vin que o público me seguía. E comecei a darme conta de que todo o que fixera ata ese momento confluía alí, dentro e fóra do escenario, dende a arquitectura ata a cociña.

Como definirías a narración oral?

Como un encontro de almas, unha arte co público e non para o público. Por outro lado, ten que haber unha escoita activa e forma parte da construción de algo moi efémero. Nun dos meus libros falo da comparación dun narrador cun cociñeiro, e anfitrión: o narrador cociña na intimidade a súa historia que compartirá como anfitrión cando a conte.

A que público te dirixes?

Síntome máis cómodo co público adulto e adolescente. Para os nenos teño contos publicados moito despois de contalos, como ‘Sígueme, unha historia de amor que non ten nada de raro’, o meu primeiro libro, sobre un conto para adultos que levaba oito anos contando e que adaptei para nenos. A estrutura da historia é a mesma, pero cambian o discurso, o ritmo, os xogos... É como unha conversa que varía segundo con quen se fale.

As túas historias, en xeral, a primeira vista, parecen moi sinxelas, pero despois teñen moita profundidade?

Si, porque son moi cotiás e parecen moi básicas, a primeira vista. Incluso me definiron como un narrador lixeiro, suave... O que pasa é que eu conto dende a emoción e, dese xeito, cóntase moito máis do que se di.

Como narrador, participaches en numerosos encontros e festivais en España e Latinoamérica?

Si, ademais de Arxentina, estiven narrando en festivais de moitos lugares como Uruguai, Colombia, Perú, Ecuador, Portugal, Francia, Italia ou España.

Cando chegaches ao noso país?

En 1998 establecín a miña residencia en Santiago de Compostela. Pero, dende 1995 deixei o meu país, rumbo a Colombia, onde coñecín a Quico Cadaval, Roger Colóm, un mexicano que vivía na Coruña, e a outras persoas amigas que me convenceron de vir. Inicialmente, vin para un mes de xira con Cadaval e Roger. E gustoume, e por iso, un tempo despois, quedei a vivir. A xente camiñaba a un ritmo accesible para min. E, a través dunha amiga contacontos de Zamora, Victoria Gullón, xa me convencín para quedarme definitivamente e contar historias en cidades, vilas e aldeas. E despois coñecín aos irmáns Carreira e á familia Coira de Lugo, e así me mudei a esta cidade. Logo tiven un grave problema de saúde que me fixo parar, e mesmo deixar o escenario, limitándome na actualidade a pequenas colaboracións.

Ademais de contar, dirixiches varias obras de teatro?

Si, entre eles ‘Unha merenda de Alicia’ (1995), escrita por min e baseada nas historias de Alicia no país das marabillas, a través do espello de Lewis Carroll.

Unha das túas publicacións que máis me chamou a atención foi ‘Opodador debonsais’.

Ah! si, a historia dun neno que observa con atención como o seu veciño coida do seu bonsái, igual que a súa nai fai con el. Unha tenra historia sobre o ciclo da vida, os cambios e o medo a medrar.

Como ves Lugo a nivel das artes escénicas?

Cando cheguei a Lugo, hai vinte e seis anos, había moi pouca actividade cultural. Agora mesmo medrou moito, con ciclos de teatro máis longos, máis espazos para representalos e hai que estar moi atentos á rica e variada programación cultural.

jose campari narrador teatro escritor
0.19438815116882