O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra pon en marcha un programa piloto para a apertura das Igrexas Románicas da zona

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, en colaboración coa Diócese de Lugo, lanzou un programa piloto que permitirá abrir ao público unha selección de igrexas románicas da zona. Esta iniciativa ten como obxectivo ofrecer unha solución sostible a medio e longo prazo, coa posibilidade de adaptarse segundo os resultados e a valoración dos visitantes.
Ribeira Sacra é coñecida por contar cunha das maiores concentracións de arte románico rural de Europa, o que a converte nun destino cultural e patrimonial de gran relevancia. As igrexas da zona destacan non só pola súa impresionante arquitectura, senón tamén polos seus valiosos interiores, que conservan pinturas murais, retábulos e outros elementos artísticos de gran interese. Sen embargo, a distribución xeográfica destes templos na provincia de Lugo dificulta o seu acceso ao público.
Co fin de mellorar esta situación, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e a Diócese de Lugo puxeron en marcha este programa piloto, que abrirá ao público un grupo seleccionado de igrexas da provincia. A idea é que este proxecto se poida adaptar e converter nunha solución sostible segundo a acollida dos visitantes.
O proxecto comezará o sábado 12 de abril e estenderase ata mediado de setembro, con aperturas semanales en varias igrexas, entre as que se atopa San Pedro de Bembibre (Taboada), San Xoan da Cova (Carballedo), San Miguel de Eiré e San Vicente de Pombeiro (Pantón), San Xillao de Lobios e San Vicente de Pinol (Sober), Santa María de Nogueira de Miño (Chantada) e Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao).
A Diócese de Lugo, propietaria destes bens patrimoniais, encargaráse do mantemento das igrexas e do persoal a cargo, xestionando estes recursos con fondos propios e buscando a colaboración das administracións públicas para cumprir coa normativa de protección do patrimonio cultural.
Pola súa parte, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra asumirá o custo económico do proxecto a través do “Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra, compromiso coa mobilidade sostible e a mellora continua” (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea - NEXTGENERATIONEU). Esta financiación cubrirá os gastos de persoal encargado da apertura das igrexas e da atención aos visitantes, así como os custos asociados co deseño e produción de materiais de comunicación e publicidade.
As reservas para visitar as igrexas poderán realizarse a partir do próximo luns a través da páxina web do Consorcio, cunha tarifa base de 2 euros por persoa, destinada a axudar a cubrir os custos de conservación e mantemento dos templos. O programa tamén contempla condicións de gratuidade e bonificacións para grupos. O Consorcio será o encargado de organizar as visitas, garantindo unha atención axeitada aos turistas e coordinándose coa Diócese de Lugo e as parroquias locais.
Este proxecto constitúe un paso máis no esforzo de Ribeira Sacra por valorizar o seu excepcional patrimonio románico e ofrecer unha opción de turismo cultural sostible, accesible e respectuosa co medio ambiente.
As igrexas incluídas neste programa son as seguintes:
- San Pedro de Bembibre (Taboada)
- San Xoán da Cova (Carballedo)
- San Miguel de Eiré (Pantón)
- San Xillao de Lobios (Sober)
- Santa María de Nogueira de Miño (Chantada)
- San Vicente de Pombeiro (Pantón)
- San Vicente de Pinol (Sober)
- Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao)