Conmemóranse os 900 anos desde que se usou por primeira vez o nome de Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O Goberno galego está convencido de que a candidatura 'Paisaxe da auga: Ribeira Sacra' acadará o recoñecemento da Unesco como Patrimonio Mundial no ano 2026
900-anos-da-Ribeira-Sacra
22 Aug 2024

A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, o deputado de Medio Ambiente de Lugo, Carlos López López, así como o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participaron en Montederramo no acto conmemorativo do 900 aniversario da vez primeira que se empregou nun documento oficial a denominación da Ribeira Sacra, baixo a forma de Rovoyra Sacrata.

A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude aproveitou a súa intervención para amosar o convencemento do Goberno galego de que a candidatura 'Paisaxe da auga: Ribeira Sacra' acadará o recoñecemento da Unesco como Patrimonio Mundial no vindeiro ano 2026.

“Estase ante un longo e ilusionante traxecto do que o Goberno galego quere facer partícipes a todas as persoas implicadas”, puxo en valor Martínez Ínsua, quen se amosou convencida da consecución desta declaración coa unión da Administración autonómica, as entidades locais, os distintos axentes económicos e sociais e a propia veciñanza.

Neste senso, explicou que desde o departamento de Cultura do Executivo galego estanse a impulsar varias xuntanzas nos últimos tempos cos concellos e representantes locais co obxectivo de “escoitar, recoller e poñer en común” todo tipo de valoracións.

Precisamente, apuntou ao encontro mantido polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o pasado mes na Peroxa cunha trintena de alcaldes e representantes locais deste territorio para trasladarlles a situación da candidatura ou as xuntanzas que se celebran desde xullo en toda a comarca para informar e recoller as suxestións e inquedanzas de toda a veciñanza.

A directora xeral de Patrimonio Cultural incidiu en que se trata dun proceso que pon o foco na participación para que os veciños e veciñas, así como os distintos motores económicos da zona, “coñezan ben a situación da candidatura e poidan transmitir os seus comentarios e inquedanzas ao redor da mesma” e que ten prevista a súa última sesión, segundo adiantou, o vindeiro 13 de setembro en Nogueira de Ramuín.

Seguintes pasos coa vista posta no ano 2026

En todo caso, remarcou a necesidade de ir dando pasos e avanzando coa vista posta no ano 2026, cando a candidatura será avaliada polo Comité do Patrimonio Mundial. Por este motivo, adiantou que o equipo técnico redactor, en colaboración co Ministerio de Cultura, ten que completar o expediente desde o punto de vista formal co fin de cumprir coas directrices operativas da Unesco.

Ao respecto, informou de que esta documentación será presentada no Centro de Patrimonio Mundial da Unesco de París en setembro deste mesmo ano, á que se lle engadirá unha nova entrega cos avance nestes informes en febreiro de 2025. “Trátase dun paso fundamental para que toda a documentación sexa revisada polos organismos avaliadores antes da súa valoración no Consello do Patrimonio Histórico”, precisou.

A directora xeral de Patrimonio Cultural lembrou que a Xunta de Galicia puxo en marcha a candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra no ano 2017 co obxecto de acadar o máximo recoñecemento por parte da Unesco. Nesta folla de ruta, o Goberno galego ten investido preto de 8 millóns de euros na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo.

Así, ao longo deste período, a Administración autonómica executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros.

No caso concreto da provincia de Ourense, isto permitiu levar a cabo máis dunha vintena de intervencións entre as que se inclúen as restauracións dos mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín, onde o pasado ano celebramos o congreso internacional, Santa María de Montederramo ou a rehabilitación da igrexa de Santa Cristina de Ribas do Sil. Dentro da recuperación arqueolóxica, salienta a prospección feita na necrópole de San Vítor de Barxacova, en Parada de Sil.

“Este compromiso iniciado no ano 2017 mantense vixente na actualidade”, aseverou Mª del Carmen Martínez. Así, puxo como exemplo que as contas destinadas a tarefas de conservación e posta en valor do patrimonio cultural galego eleváronse nos orzamentos deste ano un 7 %, “alcanzando os 10,4 millóns de euros, dos cales unha parte importante son para bens situados na Ribeira Sacra”, concluíu.

Posta en valor desde a Deputación de Lugo

Pola súa parte, Carlos López subliñou a relevancia histórica deste aniversario, “900 anos transcorreron desde que se mencionou, por primeira vez, o termo medieval Rovoyra Sacrata e foi na carta de fundación deste lugar tan emblemático no que hoxe nos atopamos: o Mosteiro de Montederramo".

O deputado salientou a relevancia desta conmemoración, que reúne a entidades, institucións e representantes dos 26 municipios que conforman este xeodestino, para honrar tanto a denominación orixinal como o territorio único que representa a Ribeira Sacra.

“Esta é a ocasión perfecta para poñer en valor a historia, a cultura e a beleza natural que podemos atopar na Ribeira Sacra, un enclave único no que os visitantes poden desfrutar dun entorno paisaxístico extraordinario e, en definitiva, dunha experiencia inesquecible”, engadiu.

Carlos López tamén destacou o compromiso da Deputación de Lugo coa promoción dun modelo turístico de calidade, sostible e respectuoso coa riqueza patrimonial da comarca. “Este 900 aniversario é unha oportunidade para renovar os nosos lazos coa nosa historia, pero tamén para mirar cara adiante con esperanza e determinación. Como representantes públicos, o noso deber é apoiar e impulsar todas aquelas iniciativas que contribúan ao benestar da nosa xente e á preservación do noso legado”, afirmou.

Ademais, o deputado fixo referencia á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, unha aspiración colectiva que conta co apoio decidido da Deputación de Lugo: “Estamos nun momento histórico crucial para esta comarca. Desde a Deputación de Lugo estamos comprometidos e apoiando esta candidatura para que este soño, que é o de todos nós, se faga realidade”.

Rematou o deputado agradecendo a todas as persoas e entidades que fixeron posible este encontro, resaltando que “con unidade e perseveranza, seremos quen de seguir escribindo as páxinas da nosa historia con orgullo e dignidade”.

"Un gran reto", defenden desde a Deputación de Ourense

Na súa intervención, o presidente provincial de Ourense, Luis Menor, deixou patente o gran reto ao que se enfronta o desenvolvemento turístico na Ribeira Sacra: “conservando os valores naturais, culturais, sociais e patrimoniais que a conforman, sentando as bases da sustentabilidade”.

Do mesmo xeito, Menor conminou aos responsables das administración e entidades a “impulsar este destino como un espazo sustentable e como exemplo do traballo coordinado entre o público e o privado. Cooperando, alcanzaremos ese milenio para culminar un fito histórico que suporá situar a este máxico territorio no lugar do mundo que lle corresponde”.

Lembrou o presidente provincial que nos últimos anos “asistimos a un despegue turístico desta zona que trouxo vantaxes económicas, de xeración de riqueza, emprego, e, sobre todo, fixación de poboación. Temos que engadir a todos estes factores a sustentabilidade, que sen dúbida converteranos nun destino más forte e sólido fronte as explotacións masivas”. E, en segundo lugar, avanzou que cómpre darlle pulo a colaboración público-privada.

Quixo referirse Menor á efeméride que hoxe se conmemora, “un fito histórico que marca a identidade dun territorio que é moito máis que un simple lugar de singular beleza”, dixo, recalcando que “estamos nun enclave do mundo onde conflúen as provincias de Ourense e Lugo, a historia, a natureza, o patrimonio e un xeito de vivir e de entender a vida que lle confire á Ribeira Sacra ese aura tan especial que vén cultivando, como se vive a viticultura na súa impactante paisaxe: dun xeito heroico”.

Tamén abundou o presidente provincial nos recoñecementos a este universo: “ comezaron coa declaración da Ribeira Sacra por parte da Xunta de Galicia como Ben de Interese Cultural o 27 de decembro de 2018, e a declaración, o 15 de setembro de 2021, como Reserva Mundial da Biosfera. E en abril deste ano chegaba a gran noticia: a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO, froito do excelente traballo desenvolvido polos responsables desta candidatura”.

Luis Menor explicou a idiosincrasia dos moitos concellos que viven unidos Ribeira Sacra: “Nin tan sequera o río Sil é unha fronteira. O Sil atravesa a Ribeira Sacra, pero non a divide. Nin hai 900 anos, nin hoxe”. Neste senso, proclamou que a provincia de Ourense “non pode perder as oportunidades que se lle presentan. Para a provincia que represento, ter unha parte do seu territorio baixo a distinción de Patrimonio da Humanidade constituiría unha enorme vantaxe competitiva”, lembrando como oportunidade o AVE ou mesmo recursos naturais como o Termalismo. “A Ribeira Sacra sempre estivo, máis nunca como ata o de agora fomos tan conscientes da súa importancia, da súa singularidade e do altísimo valor que sempre tivo e que continúa a manter”, explicou o presidente provincial.

0.15753889083862