Compañeiros de feiras

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
A Casa dos Marios, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
23 Mar 2021

Por Moncho Paz

As feiras foron sempre eventos sociais, lugares de encontro e de intercambio de mercadorías; pero tamén teñen o seu carácter cultural, pois co transcorrer do tempo acolleron actos lúdicos de todo tipo. Na segunda metade do século XX asistimos a un movemento de forte emigración interna, de abandono do rural cara ás grandes vilas e cidades. Unha das consecuencias deste éxodo foi a proliferación das feiras, que chegaron a superar o cento no conxunto da xeografía galega durante aqueles anos. Soamente na bisbarra da Terra Chá destacaban as de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba e Xermade.

Cara a finais da década de 1950, Vilalba comezou a vivir unha grande transformación, sobre todo no eido urbanístico, que mudaría por completo a paisaxe da vila e tamén parte da súa historia e identidade, xa furtada en grande medida polo réxime franquista tras o golpe de Estado de 1936. Había moito traballo, tanto na construción de vivendas sociais como nas obras civís, mais os albaneis estaban mal remunerados e non contaban con ningún tipo de seguro, polo que moitos rapaces quedaban mancados e sen cobertura sanitaria, algún incluso mutilado por mor da inseguridade e da precariedade laboral. Iso provocou que moitos deles buscasen outras saídas para gañar o pan e forxar un futuro mellor para as súas familias.

Antes de morrer, o meu avó Mario Xosé deulles o seguinte consello aos seus tres fillos: “Traballen duro, merquen o edificio do Crisanto ao pé da Pradia e non se metan en política”. E así o fixeron, comezando por incrementar a súa actividade comercial a través da presenza continuada en feiras e mercados, para o que contaron cun grupo de colaboradores de confianza -na súa meirande parte amigos da infancia- aos que ofrecían bos salarios para gratificar adecuadamente o esforzo realizado e manter a motivación. Os máis significativos foron Ramón Maseda “o Tranquilo” e Silvestre Beceiro “o Beti”.

O Tranquilo comezou a traballar para a Casa dos Marios cando estes aínda tiñan a tenda na rúa Xardíns. O seu quefacer consistía en ir ás feiras co meu pai e co Beti. Se cadraban dúas na mesma data, tamén os acompañaba o meu tío Cándido. No mesmo furgón facían a carga para ambas as dúas feiras: na primeira quedaban os dous Ramóns -o Chavito e o Tranquilo- mentres Cándido e Silvestre continuaban para a seguinte, para pasar recollelos á volta. Os principais produtos que ofertaban eran xamóns, chourizos, queixos, manteiga, bacallau e viño.

Ramón Maseda era fillo da Enriqueta e neto do Antón da Amalia. Criouse entre os fornos e as feiras, ese oficio de levar e traer, de carrexar e de gañar a vida axudando; de mozo, e xa residindo na rúa do Sol, aprendeu a conducir co Ezequiel do Pardeiro, comezou a traballar con el guiando o camión e sacou o carné de chofer que, por aquel entón, abriríalle moitas posibilidades no mundo profesional. Aínda que se coñecía polo alcume “o Tranquilo”, en realidade era un home inquedo e aventureiro. Ao igual que outros familiares, decidiu buscar novas oportunidades e marchou a Barcelona, onde se establecera unha numerosa colonia de chairegos. Alí tivo varios empregos, sendo o máis salientable o de repartidor para a empresa Coca-Cola. Despois enrolouse na Mariña Mercante, traballo moi ben retribuído naquel momento, e xunto con outros galegos -nun crisol de nacionalidades- percorreu as cidades portuarias de todo o mundo; logo de varias travesías recalou de novo na capital catalá, e foi entón cando recibiu a nova de que a Casa dos Marios ampliara o seu volume de negocio e precisaban xente, polo que decidiu regresar a Vilalba.

Pola súa banda, Silvestre Beceiro vivía no barrio dos Castros, na rúa que levaba ao vello cemiterio, e a súa familia gañábase a vida mercando e vendendo peixe fritido polas feiras da contorna. Afeccionado aos cómics, na súa xuventude percorría o barrio natal e tamén o das Fontiñas cunha morea de revistas de historietas dentro dun cesto, que vendía ou intercambiaba con outros rapaces, entre eles o escritor Agustín Fernández Paz, quen anos máis tarde recollería esta anécdota no libro de relatos O rastro que deixamos. Traballador, madrugador e cumpridor -así o lembran hoxe todos os que o coñeceron- co tempo pasou a converterse no home de confianza do meu pai. O Beti sempre estaba dispoñible para todo, tanto podía atender aos clientes detrás do mostrador do ultramarinos -con Sagrario Guntín e Antonia Prieto- como axudar na confeitería ou na fábrica de chocolate. Un día coñeceu na tenda a unha rapaza natural de Carballido que viña mercar doces e quedou namorado dela. Era pequerrecha, leda e fermosa, chamábase Adelina e traballaba en Barcelona, de onde regresaba de cando en vez para visitar á súa familia. E cando ela viña, o Beti collía apresurado un taxi e ía buscala á casa dos seus pais, para convidala a ver películas no Teatro Vilalbés e dar longos paseos xuntos. Casaron aos tres meses de coñecerse e establecéronse en Vilalba, onde nacerían os seus fillos. Porén, o destino xogoulles unha mala pasada e Silvestre Beceiro finou de súpeto cando contaba trinta e catro anos de idade, mentres a súa dona agardaba o nacemento do terceiro fillo. O Beti marchou nunha tarde de setembro de 1973; aínda que eu era un meniño, nunca esquecerei o desgusto do Chavito cando lle deron a mala nova do seu pasamento. As vivencias do meu pai co Silvestre e os seus compañeiros de feiras formaron parte das estampas habituais da miña infancia.

O Beti, o Chavito e o Tranquilo

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.13102197647095