Como se escollen os deputados?

RibeiraSacraXa
A provincia prepárase para celebrar de novo as eleccións municipais, uns comicios que nos ofrecerán unha renovación das alcaldías.
Foto elecciones municipales
23 Abr 2023

Nos comicios de maio votarase polo Goberno local onde está censado e o voto repercutirá na composición do organismo provincial.

A provincia prepárase para celebrar de novo as eleccións municipais, uns comicios que nos ofrecerán unha renovación dos equipos de goberno á fronte das alcaldías. Pero, ademais, co seus votos, os lugueses tamén escollen a composición da Deputación Provincial, aínda que isto se fai de maneira indirecta, xa que o veciño non vota directamente a un deputado dun partido ou doutro pero si a cor política do voto implicará que o electo sexa dun partido ou doutro.

Actualmente, a provincia está dividida en sete partidos xudiciais ou xuntas electorais que aportan un número de deputados diferente, xa que a poboación é tamén moi distinta.

Así, o máis numeroso é o partido xudicial de Lugo, ou zona centro. O peso poboacional de Lugo lévao a capital e de aí saen 12 deputados, case a metade dos elixibles, que son 25. Ademais da capital súmanse neste grupo os votos dos concellos da contorna, parte da montaña e da comarca sarriá.

A seguinte xunta electoral por tamaño é a de Mondoñedo, onde están incluídos os concellos da Mariña. Elixe seis deputados.

Despois tres xuntas electorais contan con dous deputados cada unha. Son as de Monforte (concellos da Ribeira Sacra e o Courel), Chantada (que engloba a zona da Ulloa) e Vilalba (cos da Terra Chá).

Finalmente, queda un deputado no tinteiro, o que sae dos concellos da zona da Fonsagrada e Ancares e que moitas veces é o que marca a cor política que goberna na Deputación xa que a igualdade foi máxima nos últimos comicios no resto. O pacto entre PSOE e BNG levouse pola mínima diferenza o Goberno da Deputación no 2015 e no 2019 aínda que é o PP o que tivo o maior número de deputados nas dúas ocasións.

Unha vez constituídos todos os concellos, os escanos das deputacións provinciais repártense, por cada partido xudicial, segundo a fórmula D’Hondt, entre aqueles partidos que obtiveron algún concelleiro en cada partido xudicial e segundo o número de votos conseguidos por cada un deles. Os deputados provinciais que corresponden a cada partido político son elixidos, a nivel de partido xudicial, entre e polos concelleiros de cada un deles, que pertencen aos municipios que comprende cada zona.  Tradicionalmente os deputados están divididos a partes iguais en Chantada, Monforte e Vilalba. A representación nacionalista súmase desde os partidos xudiciais máis numerosos (Lugo e Mondoñedo).

Nas últimas eleccións, na de Lugo, 6 dos deputados foron do PP, 4 do PSOE e 2 do BNG. Na Mariña tamén tivo o PP 3, 2 o PSOE e 1 o BNG, polo tanto foi o voto socialista da Fonsagrada o que rompeu o empate.

REPARTO POR CONCELLOS

  • Chantada (2 deputados) Antas de Ulla, Carballedo, Chantada, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín, e Taboada.
  • Fonsagrada (1 deputado) Baleira, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e Ribeira de Piquín.
  • Lugo (12 deputados) Baralla, Becerreá, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, O Corgo, Friol, Guntín, O Incio, Láncara, Lugo, Meira, As Nogais, Outeiro de Rei, Paradela, O Páramo, Pol, Pedrafita, Rábade, Samos, Sarria e Triacastela,
  • Mondoñedo (6 deputados) Abadín, Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pastoriza, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove
  • Monforte (2 deputados) A Pobra de Brollón, Bóveda, Folgoso do Courel, Monforte, O Saviñao, Pantón, Quiroga, Ribas de Sil e Sober.
  • Vilalba (2 deputados) Begonte, Cospeito, Guitiriz, Muras, Vilalba e Xermade.

Chantada

  • Pilar García Porto. PSOE
  • Pablo José Taboada Camoira. PP

Lugo

  • José Luis Raposo Magdalena. PSOE
  • Xosé María Arias Fernández. PSOE
  • Pablo Rivera Capón. PSOE
  • Ana González Abelleira. PSOE
  • Maite Ferreiro Tallón. BNG
  • Efrén Castro Caloto. BNG
  • Jesús Manuel Núñez Díaz. PP
  • Francisco Javier Balado Teijeiro. PP
  • José Pardo Lombao. PP
  • José Fernández Vázquez. PP
  • José Ángel Santos Sánchez. PP
  • Oscar Poy Franco. PP

DEPUTADOS ACTUAIS

Fonsagrada

  • Roberto Fernández Rico. PSOE

Mondoñedo

  • Mayra García Bermúdez. PSOE
  • María Loureiro García. PSOE
  • Mónica Freire Rancaño. BNG
  • Javier Jorge Castiñeira. PP
  • José Manuel Gómez Puente. PP
  • Jesús Novo Martínez. PP

Monforte

  • José Tomé Roca. PSOE
  • Lola Castro Ochoa. PP

Vilalba

  • Roberto García Pernas. PSOE
  • Xosé María Teixido Núñez. PP

A comarca ultima os candidatos

No Concello de Monforte de Lemos, o actual alcalde José Tomé foi proclamado candidato para as próximas eleccións municipais pola asemblea local do PSdeG-PSOE.

No relativo ao Partido Popular, preséntase Katherinie Varela, que, segundo a directiva provincial, destaca “a combinación de experiencia e xuventude, así como a capacidade de traballo e o compromiso”.

Por outra banda, Emilio José Sánchez será o candidato á Alcaldía polo BNG, quen sostén que “Monforte merece un goberno que crea nas súas posibilidades e traballe para desenvolvelas como fará o noso equipo”.

Así mesmo, o grupo Esperta Monforte comunicou a candidatura de Germán Vázquez, que centra o seu diálogo “na peonalización da ponte medieval para a súa conservación como monumento histórico”.

No caso do Concello de Chantada, o PSOE presentou a Mariano López como candidato á Alcaldía, quen ten unha longa traxectoria vencellada ó sindicalismo agrario. O Partido Popular comunicou que Manuel Lorenzo, o actual alcalde desde o 2019, volverá a presentarse.

No caso do grupo Por Chantada, o elixido foi Antom Fente Parada, que se presenta por terceira vez co obxectivo de mellorar os resultados dos anteriores comicios.

No Concello veciño, o de Taboada, Ramiro Moure volverá a concurrir ás eleccións polo Partido Popular tras 3 lexislaturas.

Os socialistas, pola súa parte, presentaron a Roi Rigueira como o candidato ás eleccións, quen dixo que cre “que o cambio á fronte do goberno de Taboada é máis necesario ca nunca porque está en xogo o benestar e o futuro da nosa xente”.

O BNG elexiu a José Portela para intentar conseguir o bastón de mando taboadés, tomando o relevo de Xosé Antón Ledo.

O Partido Popular do Concello de Quiroga presenta este ano un novo candidato, José Manuel Pol, veciño de Ribas de Sil, e que sucede a Julio Álvarez despois de 9 lexislaturas ininterrompidas.

Pola súa banda, o PSOE de Quiroga presenta como candidato ao exalcalde extremeño de Cordobilla, Vicente Parra. O BNG, pola súa parte, ten como cabeza de lista a Xosé Manuel Fernández, licenciado en dereito e natural da parroquia de Montefurado como candidato ás eleccións.

Celeste Rodríguez repite como candidato do PSOE do Saviñao despois dos bos resultados acadados no 2019, cando conseguiu cinco dos once ceoncelleiros que se disputan no Concello.

Con respecto ao Partido Popular, Juan Carlos Armesto, o actual rexedor local, preséntase á Alcaldía para seguir consolidando o seu programa.

En Sober, Luís Guitián volve presentarse para revalidar a Alcaldía despois de 3 lexislaturas de maioría absoluta.

No PSOE, Eladio Fernández, presidente de Fademga desde o 2011, foi elixido como o candidato, quen avanzou que a lista contará con persoas "de nova incorporación e novas propostas”.

O actual alcalde do BNG da Pobra do Brollón, Xose Lois Maceda, presentarase de novo ás eleccións do 28M para revalidar o bastón de mando.

O PSOE presentou ao economista e empresario Adolfo Rubio como candidato á Alcaldía de Brollón. Por último, Teddy López preséntase como candidato do Partido Popular ás eleccións e é o presidente da xestora local.

En Folgoso do Courel, Dolores Castro, actual rexedora dende o 2011, volverá a presentarse para revalidar o seu cargo. Carmen Álvarez, funcionaria do INSS e concelleira desde o 2015, preséntase polo grupo socialista.

No Concello de Carballedo, o actual alcalde popular, Julio Manuel Yebra-Pimentel, concurrirá ás eleccións para seguir ao mando do Concello, título que ostenta desde 1983. Xosé Randolfe, gandeiro de profesión, preséntase por terceira vez polo PSOE de Carballedo.

O Concello de Ribas de Sil conta de novo con Miguel Ángel Sotuela, que leva sendo rexedor local desde 1999, para as elección municipais co grupo socialista.

Por outra banda, José Rodríguez, un mozo de 23 anos, será o candidato do Partido Popular despois de coller as rendas da xestora local en decembro 2022.

En Bóveda aínda non está claro o candidato popular, pero previsiblemente o actual rexedor, José Manuel Arias, volva a presentarse.

No PSOE será a voceira Mari Carmen Macía a que se presente como candidata para ás vindeiras eleccións.

Con respecto ao Concello de Pantón, José Luis Álvarez, actual alcalde do municipio, será de novo o candidato do Partido Popular, que se presenta por cuarta vez consecutiva.

Pola súa banda, os socialistas presentaron a Roberto Prado como o candidato do Partido Socialista para gañar a Alcaldía de Pantón nas vindeiras eleccións municipais, quen “lle dará a Pantón o lugar que merece, escoitando á xente e resolvendo os seus problemas cun proxecto pensado para os veciños e veciñas”.

O BNG mostra á súa candidata, Rosana Prieto, como candidata á Alcaldía, quen tamén é responsable comarcal do BNG.

Por último, Pantón contará cunha candidatura independente, Avanza Pantón, encabezada por Jaime González.

provincia de lugo 2
grafico deputacion
PSOE Jose tome
Mariano López PSOE Chantada
dolores castro folgoso courel 2017
Eladio Fernández PSOE Sober
Teddy candidato PP Pobra do Brollon
0.30946516990662