Comezan os cursos formativos para voluntarios de Protección Civil
A Academia Galega de Seguridade Pública impartirá este semestre na provincia de Lugo 12 cursos para mellorar a formación de 259 integrantes das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC).
O primeiro dos curso comezou con 25 prazas para voluntarios de novo ingreso que se desenvolve na Delegación Territorial da Xunta ata o día 26 de marzo. O obxectivo é proporcionar a formación básica para exercer as funcións propias deste persoal, para o que se impartirán nocións sobre accidentes, riscos e autoprotección; loita contra incendios; comunicacións e actuacións básicas ante emerxencias médicas. Tamén hai un módulo adicado á igualdade.
No mes de abril desenvolveranse dous cursos máis de formación básica, un deles en Monforte de Lemos (do 12 al 16) e o outro en Taboada (do 19 ao 23), que contan con 25 prazas cada un.
Así mesmo, a desfibrilación semiautomática externa (DESA) centrará tres sesións formativas en Lugo (1 de abril), Taboada (3 de xuño) e Cervantes (4 de xuño). Ofértanse 24 prazas en cada xornada. Os participantes adquirirán os coñecementos precisos para o manexo dos desfibriladores externos.
Por outra banda, haberá dous cursos semipresenciais de condución de vehículos todoterreo. A parte teórica impartirase en liña do 5 ao 16 de abril e a práctica será en Monforte de Lemos (o 18 de abril) e Meira (o día 19).
O municipio de Lugo tamén acollerá os días 8 e 9 de xuño un curso básico sobre manexo de motoserras que se desenvolverá nos lagos de Teixeiro, co fin de formar a 20 voluntarios para participar con seguridade en intervencións de retirada de emerxencia de árbores caídas ou pólas de árbores desprendidas.
Outros dous cursos están adicados á prevención e loita contra os incendios urbanos e forestais. Impartiranse en Lugo (entre o 6 e o 14 de maio) e Monforte de Lemos (entre o 10 e o 18 de xuño), con 20 prazas por curso.
Por último, está previsto un curso de licenza de navegación con 20 prazas. É unha actividade semipresencial na que a parte teórica impartirase en liña os días 2, 3, 4 e 5 de maio; mentres que e as xornadas prácticas serán os días 6 e 7 no embarcadoiro de Belesar, no concello do Saviñao.
Arias subliñou que todas estas actividades forman parte do plan de formación continuo de emerxencias que impulsa a Xunta a través de Academia Galega de Seguridade Pública.