Chantada visibiliza o suicidio a través dunha xornada para axudar á prevención

O Auditorio Municipal de Chantada acolleu este domingo a proxección do documental El estigma del silencio nun acto promovido pola Asociación Stop Suicidio Galicia, que contou coa colaboración do Concello de Chantada para visibilizar e dar voz a un tema marxinado e silenciado pola sociedade: o suicidio.
A película presentou testemuños e experiencias reais de superviventes, familiares e expertos no ámbito da psiquiatría, a psicoloxía do suicidio e a saúde mental. Tras a proxección, houbo un espazo para o debate, guiado por Miguel Vázquez Penas, presidente de Stop Suicidio Galicia e veciño de Chantada, quen explicou o labor que desenvolve a asociación, que comezou a súa andaina hai cinco anos co obxectivo de axudar ás persoas con pensamentos suicidas. “A asociación pretende axudar ante a carencia de especialistas, psiquiatras e psicólogos, que non teñen o tempo suficiente para atender a todas as persoas que o necesitan. O suicidio é multifactorial e debe ser tratado cun equipo multidisciplinar, con terapias moi específicas. Queremos dar a axuda que nós non recibimos. Estas situacións existen e non se poden seguir silenciando”.
En España suicídase unha persoa cada dúas horas, e Lugo é a provincia na que máis xente se suicida. A soidade, a falta de atención ou os patróns de conduta impostos pola sociedade, cada vez máis difíciles de asumir, están na orixe deste tipo de situacións, explican desde a asociación. “Por que temos medo a falar de algo que está tan próximo ás nosas vidas e seguimos tratándoo como un estigma ou tabú?”. Esta foi a base do encontro, no que se destacou a importancia da atención infanto-xuvenil, xa que cada vez máis pais e nais recorren á asociación porque non saben a onde acudir cos seus fillos e fillas. Miguel Vázquez engadiu que “se a todo isto lle sumamos a presión das redes sociais, as persoas poden quebrar. Temos que vivir como persoas e non como o noso avatar. Agora hai anuncios que din como temos que ser, as redes ofrécenche filtros para mellorar a túa foto e mesmo a intelixencia artificial póñenche de fondo a imaxe do coche de moda. Non sei ata que punto estamos levando unha arma na man co teléfono móbil”.
Pamela Fernández, concelleira de Igualdade e Saúde Pública, destacou a participación da xente na actividade e insistiu na necesidade de romper cos estigmas arredor do suicidio. “Segue habendo cuestións tabú sobre o suicidio, por iso son tan importantes actividades como esta, de divulgación e sensibilización. Son chamadas de atención para acabar coa falta de atención social a estas problemáticas”.