Chantada, Taboada e Carballedo clausuran o Obradoiro de Emprego Serra do Faro IX

Este venres puxo fin á IX edición do Obradoiro de Emprego Serra do Faro, unha iniciativa promovida polo Concello de Chantada en colaboración cos municipios de Carballedo e Taboada, que permitiu formar a unha vintena de persoas en distintas especialidades profesionais.
O programa incluíu módulos de Operacións Auxiliares de Acabados Rígidos e Urbanización, Instalación e Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes, e Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais. Durante os nove meses de duración, o alumnado combinou formación teórica con prácticas, obtendo certificados de profesionalidade en áreas de alta demanda laboral.
No municipio, as obras realizadas polos participantes tiveron un impacto directo na mellora dos espazos públicos. Entre outras actuacións, rehabilitáronse os miradoiros do paseo fluvial para facelos máis accesibles e construíuse unha plataforma para eliminar barreiras arquitectónicas no parque Eloísa Rivadulla. Ademais, traballouse na conservación das zonas ajardinadas do paseo fluvial e creouse un novo espazo verde no barrio de Marín. Pola súa banda, os alumnos do módulo de Atención Sociosanitaria desenvolveron as súas prácticas na residencia de Carballedo, centrando a súa aprendizaxe no coidado de persoas dependentes.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, destacou a importancia destes talleres: “los talleres siguen desarrollando importantes actuaciones en el municipio para mejorar las infraestructuras y nuestros espacios verdes. Al tiempo el alumnado se forma durante 9 meses y consigue certificados de profesionalidad en especialidades cada vez más demandadas.”
A clausura desta edición incluíu a entrega de diplomas, nun acto que contou coa participación do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, así como cos alcaldes de Carballedo e Taboada, Julio Yebra e Roi Rigueira respectivamente, xunto co alcalde de Chantada e o concelleiro de talleres, Diego Otero.