Chantada reforza o Servizo de Educación e Apoio Familiar

RibeiraSacraXa
O SEAF de Chantada conta actualmente cunha educadora social e un psicólogo que traballan transversalmente cos centros de ensino e o Centro de Información á Muller, entre outros
Oficinas de Servizos Sociais do Concello de Chantada
Oficinas de Servizos Sociais do Concello de Chantada
16 Jan 2025

O SEAF, Servizo de Educación e Apoio Familiar, que funciona nas oficinas de Servizos Sociais do Concello de Chantada, conta desde mediados de setembro de 2024 co reforzo dun novo profesional, un psicólogo que amplía a atención prestada. O labor de acompañamento socioeducativo e asesoramento refórzase agora con apoio emocional e psicolóxico ás familias, especialmente ás que están en situacións de vulnerabilidade e teñen menores de idade.

A maior parte das familias que se atenden no SEAF chegan derivadas de Servizos Sociais. O SEAF ten como obxectivo reforzar, estimular e potenciar os recursos persoais das familias, as súas capacidades e potencialidades para a solución das dificultades nas que se poidan atopar nas diferentes etapas do ciclo familiar, facéndoas partícipes e protagonistas do cambio. Ademais, pretende previr, detectar e atender situacións de elevada vulnerabilidade: infancia e adolescencia en situación de dificultade social, risco ou desamparo, violencia intrafamiliar, así como promover o coñecemento e recoñecemento da diversidade familiar.

Así, o SEAF de Chantada está atendido por unha educadora social e un psicólogo que traballan transversalmente cos centros de ensino, o Centro de Información á Muller (CIM), o servizo de Atención Temperá, Saúde Mental, entre outros.

Xurxo Novoa Salado, psicólogo do SEAF de Chantada, explica que leva atendido unha ducia de familias que presentan como problemas máis frecuentes a ansiedade e a depresión. "As familias en situacións de vulnerabilidade poden ter dificultades emocionais ou de saúde mental, sendo os máis frecuentes os problemas de ansiedade e depresión. Nos/as menores, cuestións derivadas da presión académica ou dos principais problemas familiares, incerteza sobre o futuro, dificultades derivadas de situacións traumáticas no fogar ou nos centros educativos. Tamén son frecuentes as dificultades asociadas ao uso problemático de internet e redes sociais, autoimaxe, comparacións constantes que afectan á autoestima, ansiedade social e conflitos familiares, divorcios, falta de apoio emocional".

Desde a área de psicoloxía do servizo trabállase coas familias prestando especial atención aos menores, que son os máis vulnerables. "Formulamos obxectivos de traballo coa familia para protexer aos menores, porque están no proceso de desenvolvemento e é cando máis poden afectar as dificultades psicolóxicas e emocionais ao seu futuro. A familia desempeña un papel fundamental como contexto para o benestar do menor. É no seo familiar onde os nenos atopan o apoio emocional, a seguridade e os valores necesarios para o seu desenvolvemento integral. Desde o servizo, tratamos de traballar en equipo co resto de profesionais para garantir unha atención integral e coordinada ás familias e aos menores".

O Concello de Chantada conta con este reforzo do servizo ata o 30 de abril, grazas a unha subvención de inclusión social e loita contra a pobreza, a través dunha operación cofinanciada parcialmente co Fondo Social Europeo Plus (FSE+) a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027 para fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular, para os colectivos desfavorecidos.

0.17312908172607