Chantada incorpora un carrusel infantil como novidade destacada da programación de Nadal

O Concello de Chantada introduciu este ano unha novidade salientable na súa programación de Nadal, pensada especialmente para a infancia, coa instalación dun carrusel diante do Auditorio Municipal. A atracción estivo en funcionamento durante as festas e manterase dispoñible ata o 5 de xaneiro, cun prezo de 2 euros por viaxe ou un bono de tres viaxes por 5 euros.
Tras a boa acollida da iniciativa, o Concello decidiu ampliar a proposta cunha xornada especial o martes, día 6, na que o carrusel funcionará de maneira gratuíta para todas as nenas e nenos. Os pases sen custo ofreceranse en horario de 12:00 horas a 14:00 horas e de 16:30 horas a 19:30 horas, como peche da programación festiva.
Un día antes, o luns 5 de xaneiro, Chantada celebrará a tradicional Cabalgata de Reis, que comezará ás 18:30 horas diante da DomusVi, despois de que Melchor, Gaspar e Baltasar realicen unha visita ás persoas residentes no centro. O desfile, que contará con animación ao longo do percorrido, descenderá pola Avenida de Lugo cara á Praza de Santa Ana e Cuatro Caminos, para continuar posteriormente pola Avenida de Monforte ata a Praza de Galicia.
A Cabalgata finalizará no Auditorio Municipal, onde as nenas e nenos de Chantada poderán manter un encontro cos Reis Magos. A xornada concluirá cunha chocolatada para todas as persoas asistentes, poñendo o broche final á visita de Melchor, Gaspar e Baltasar ao municipio.