Chantada destaca o aumento do galego nas inscricións funerarias máis recentes

RibeiraSacraXa
O estudo "Palabra e Memoria" destaca o relevo xeracional como clave na normalización do idioma nos camposantos
Oficna de Truismo de Chantada
3 Jan 2025

O proxecto "Palabra e Memoria", liderado pola profesora Tania Vázquez García, do IES Val do Asma, está a explorar o uso da lingua galega no patrimonio documental dos cemiterios galegos. Este estudo amosa un incremento notable nas inscricións funerarias recentes realizadas en galego nas parroquias do termo municipal de Chantada, como Asma, Líncora e Camporramiro.

Segundo os primeiros resultados, no cemiterio de San Salvador de Asma, 6 das 253 familias optaron polo galego para recordar os seus seres queridos. En San Xurxo, a porcentaxe é algo menor, con 3 de 246 familias mantendo os textos en galego. Os datos apuntan a unha emerxente tendencia local, especialmente nas inscricións realizadas no século XXI, que reflicten un relevo xeracional: as persoas alfabetizadas en galego nos primeiros anos da democracia están a normalizar o uso do idioma nesta esfera.

A investigación forma parte dunha iniciativa máis ampla impulsada polo xornalista David Canto Veiga, que recolle datos de cemiterios de Galicia, Asturias, Bierzo e Zamora. Os resultados están dispoñibles nun mapa aberto publicado polo Consello da Cultura Galega, titulado "Cartografía do uso do galego nos camposantos", con información de 142 cemiterios e accesible á colaboración cidadá.

Tania Vázquez, graduada con Premio Extraordinario en Filoloxía Románica, subliña que o estudo inicial revela o distanciamento entre a expresión oral e escrita no galego, aínda que os datos tamén mostran unha clara evolución cara á normalización do idioma nas últimas décadas.

0.10711812973022