Chantada acollerá en xuño cursos de formación universitaria gratuítos para maiores

O Concello de Chantada colabora un ano máis no Proxecto de Democratización do Coñecemento que organiza a Universidade de Santiago de Compostela e que pretende difundir o coñecemento científico e artístico a toda a poboación maior de 50 anos.
As 3 actividades formativas que se desenvolverán en Chantada no mes de xuño serán as seguintes:
Especies arbóreas da nosa terra, 11 e 12 de xuño de 16.30 a 18.00 hora. Dona Blanca Fraga Cimadevila, colaboradora do Programa Universitario de Maiores, repasará as especies arbóreas da contorna.
Alimentación saudable, 13 e 19 de xuño de 16.30 a 18.00 horas. Don Alexandre Lamas Freire, investigador da USC e profesores colaboradores do Programa Universitario de Maiores abordarán o 134 de xuño, Alimentación e Xenes, un camiño de dobre sentido. O 19 de xuño, Don Salvador Fernández Rico investigador da USC achegará información sobre Alimentación segura e saudable.
Campesiños, curas e fidalgos: a vida cotiá na Galicia da época moderna, 20 e 24 de xuño de 16.30 a 18.00h horas. Don Tomás Manso Fraga e Don Mario Sixto Puente investigadores da USC e profesores colaboradores do Programa Universitario de Maiores, darán máis detalles desta temática. Na xornada do día 24 farase unha visita ao Mosteiro de Oseira.
Todas as actividades deste programa de democratización do coñecemento desenvolveranse no Telecentro de Chantada, excepto a saída a Oseira. Trátase dunha formación gratuíta pero con prazas limitadas ao aforo do telecentro polo que é necesario inscribirse na Casa da Cultura de Chantada.
Este tipo de programas formativos perseguen revalorizar e profundar no valor do noso patrimonio, concienciar, ensinar e aprender da presenza da ciencia no día a día das nosas vidas, recoñecer o valor das disciplinas artísticas nas nosas emocións e vivencias, adaptar e coñecer as competencias sociosanitarias dos principios de envellecemento activo e cadar unha mellora da calidade de vida, do benestar e da participación a través do exercicio intelectual que require este tipo de formación.