Chantada acolle o XVIII Encontro Anual da Secretaría de Mulleres do Sindicato Labrego Galego

RibeiraSacraXa
A vindeira fin de semana terá lugar o XVIII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL).
Secretaría Mulleres SLG
1 Mar 2024

A vindeira fin de semana terá lugar o XVIII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL). Trátase dunha edición moi especial, xa que celebran 20 anos de encontros dende o primeiro celebrado en Allariz no ano 2004.

Nesta ocasión, terá lugar no Espazo Vilaseco, en Chantada a partir das 12.00 horas do sábado 2 de marzo coa benvida da Secretaria Xeral do SLG-CCLL, a gandeira e produtora de fabas de Lourenzá Isabel Seivane, e da concelleira de igualdade de Chantada, Pamela Fernández, e rematará na tarde do domingo 3 de marzo, coa visita a proxectos vitivinícolas de mulleres labregas da comarca.

“Para nós os encontro anuais da Secretaría das Mulleres son moi importantes", abonda María Ferreiro, a súa responsablr dende o ano 2012. "Xuntámonos para analizar, debater, dar e obter información e sacar liñas de traballo, pero tamén para compartir e colectivizar. Este ano case un centro de labregas de todo o País, pero tamén doutras xeografías, traballaremos e celebraremos este aniversario tan especial. Son xa 20 anos de encontros, 20 anos da man”.

Actividades durante o encontro

Nesta convocatoria as persoas que se acheguen desfrutarán de momentos de conversa e posta en común con mulleres labregas das comarcas sobre este camiño percorrido; con mulleres labregas doutras organizacións, sobre como tecer alianzas no ámbito estatal e internacional; así como con mulleres aliadas de outras organizacións e colectivos cos que fomos traballando conxuntamente ao longo destes anos.

Mulleres como Lola Ferreiro, que participou no XII Encontro celebrado en Mondoñedo (2017) e no XV, celebrado en Verín (2020), e á que se lembrará cun acto especial o domingo pola mañá.

Durante esta edición, tamén se presentará o documental Labregas, espazos de venda, realizado polo Sindicato Labrego Galego para dar a coñecer a realidade das mulleres labregas que fan venda directa no segundo lugar máis visitado de Santiago de Compostela: a Praza de Abastos; e a publicación A fala da terra. Labregas, unha compilación de testemuñas de mulleres labregas da provincia de Pontevedra tamén publicada polo SLG.

O sábado pola tarde degustarán unha cata de produtos da Queixería Airas Monis a cargo de Ana Vázquez, intercambiarán sementes e pola noite danzarán ao ritmo das pandereteiras Bouba, entre outras actividades.

O domingo pola tarde visitarán as adegas Amedo, na comarca de Chantada e no Espazo Vilaseco estará instalada unha exposición fotográfica de Espadela Coop Arabías con 58 retratos de mulleres realizados pola fotógrafa e xornalista Charo Lopes; a exposición fotográfica do SLG-CCLL Vinte anos da man, sobre os encontros e actividades realizadas pola Secretaría das Mulleres ao longo destas dúas décadas, e tamén un espazo de conciliación para que as mulleres que participen no Encontro podan acudir cas súas fillas e fillos se así o desexan.

“Existe unha necesidade de seguir xuntándonos, de seguir tecendo rede", recalca María Ferreiro, "a propia traxectoria da Secretaría das Mulleres do SLG é a proba de que é imprescindible termos espazos onde as mulleres podamos atoparnos, falar e, entre todas, atopar as mellores estratexias para seguir loitando polos nosos dereitos e acadarmos sociedades cada vez máis igualitarias”.

0.14058399200439