Chantada acolle este venres a presentación do traballo gañador do XVII Certame de Investigación Condado de Pallares

RibeiraSacraXa
‘O agrarismo nas terras de Chantada’ presentarase ás 20.00 horas no Auditorio Municipal
presentacion-o-agrarismo-terras-de-chantada
23 May 2025

O Auditorio Municipal de Chantada acolle este venres, 23 de maio, ás 20.00 horas. a presentación do traballo gañador do XVII Certame de Investigación Condado de Pallares.
O autor é o investigador local, Antonio Paz Vázquez, co estudo, “O agrarismo nas terras de Chantada”, a sociedade agraria do século XIX e primeiro terzo do XX.

O Certame ten por obxecto promover labores de investigación na lingüística, a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, etnografía e folclore no antigo territorio que conformaba o Condado de Pallares. Así a Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, organizadora do Certame, conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Dirección Xeral de Cultura, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, os GDR Comarca de Lugo e Miño Ulla, Caixa Rural Galega e os concellos de Guntín, Taboada e Chantada.

“Chantada colaborou desde o inicio desta convocatoria para axudar a favorecer a investigación e divulgación dos valores culturais e sociais que tivo ao longo dos anos, este territorio que compartimos”, explica o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

O rexedor felicita ao investigador, Antonio Paz, polo traballo desenvolto e convida á veciñanza a acudir ao acto de presentación deste venres, “para o Concello de Chantada é unha honra contar con este estudo, obra dun chantadino e agradecémoslle a investigación feita sobre os primeiros movementos e sociedades agrarias que se deron nunha contorna como a nosa, eminentemente agraria”.

Pola súa banda, Antonio Paz, amosa a súa satisfacción por poder contar a historia do agrarismo na comarca de Chantada para o seu pobo, “Para min é unha honra poder achegar á xente de Chantada a importancia do agrarismo como fenómeno social, un proceso histórico de enorme transcendencia na historia agraria contemporánea de Galicia e estas terras foron protagonistas. Na provincia de Lugo a primeira sociedade agraria foi a de Chantada. Comezo o estudo no XIX para poñer en contexto a situación do campesiñado. O contrato foral estaba instaurado nestas terras desde a idade media e o principal obxectivo do agrarismo aquí foi abater o contrato foral e conquistar a propiedade das terras”, conclúe o investigador, Antonio Paz.

⚙ Configurar cookies
0.055243015289307