Chantada acolle a presentación en primicia do filme documental BRAVÚ XXX

RibeiraSacraXa
No filme, Xurxo Souto invoca o cosmos bravú trinta anos despois do nacemento deste movemento
Bravú-XXX-Chantada
17 Out 2024

O vindeiro venres, 25 de outubro, o Auditorio Municipal de Chantada acollerá a estrea en primicia do filme documental BRAVÚ XXX, ás 20.00 horas.

Ademais da proxección contarase cun coloquio no que intervirán Xurxo Souto e Richi dos Rastreros. O acto é para todos os públicos con entrada libre e gratuíta.

O filme documental BRAVÚ XXX conmemora así o trinta aniversario deste movemento. Trátase dun proxecto de Nós Televisión con Xurxo Souto, co apoio económico do Concello de Chantada, do Concello de Pontevedra, da Deputación da Coruña, do Concello da Coruña, do Concello de Santiago e do Concello de Carballo.

No filme, Xurxo Souto invoca o cosmos bravú trinta anos despois do nacemento deste movemento. O que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto emprende unha viaxe que nos achega ao Bravú desde a súa dimensión de movemento, conectándoo e entendéndoo desde dentro da nosa historia musical.

Antecedentes

Coa chegada dos anos 90 comeza a xurdir en Galicia o movemento musical coñecido como Bravú con grupos que tiñan en común un orgullo pola cultura popular galega. O epicentro do movemento sería a aldea de Viana, no Concello de Chantada.

Daquela, as guitarras eléctricas chegaron ás aldeas e agromaban en Galicia grupos de rock en galego, que non se coñecían entre si. Sería o 31 de outubro de 1994, cando cerca dunha ducia de grupos, como Os Diplomáticos de Monte Alto, os Papaqueixos, os Impresentables ou O Caimán do Río Tea, se reúnen na Taberna Caballero, na aldea de Viana, en Chantada, e crean unha etiqueta para si mesmos: o bravú.

Trinta anos despois daquel día, Xurxo Souto volverá á Taberna Caballero de Viana, en Chantada, con algúns dos co-fundadores do Bravú. Antes desa apoteose, Xurxo Souto encontrarase con persoas que nos axudarán a entender este movemento e saber se a día de hoxe hai un Bravú vivo na nosa historia cultural e musical.

O concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez, explica a importante divulgación que terá o documental para o municipio: “O equipo estivo este verán gravando en Chantada, somos escenario fundamental porque o bravú naceu aquí. Desde o Concello queriamos participar do proxecto polo que supón de posta en valor da nosa tradición musical e pola visibilidade que teremos a través de multitude de plataformas nas que se poderá ver o documental. Para Chantada é unha promoción moi importante e que a estrea se faga aquí é unha honra”.

0.16891098022461