Centos de persoas achegáronse á XIX Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil
A XIX Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite no Concello de Ribas de Sil acolleu esta fin de semana a centos de persoas da contorna das Terras do Courel, así como visitantes e turistas doutras zonas de Galicia e de fóra que quixeron achegarse a este evento de renome que volveu incorporar o viño como elemento novidoso desta festa.
Durante a fin de semana, adultos e nenos puideron desfrutar de actividades relacionadas coa cultura e tradición deste municipio da Ribeira Sacra, como a degustación de cereixas, viño e aceite; rutas, concertos musicais, pintura e actividades infantís enfocadas nos máis pequenos.
Entre as novidades deste ano, o sábado tivo lugar a inauguración do Centro de Interpretación do Río Sil (CIRS) na vella escola de Torbeo, que formará parte do Xeoparque mundial Montañas do Courel e cuxo obxectivo será divulgar as características xeolóxicas, hidrográficas, naturais e culturais do río e da súa contorna en Ribas de Sil.
Ademais desta, outra novidade desta edición foi o discurso do pregoeiro, Luis Francisco López González, doutor en arqueoloxía de Torbeo; quen destacou na súa intervención o valor do río Sil, "un río que segue levando moito ouro e que para os romanos constituíu unha das zonas máis importantes de minaría aurífera de todo o Imperio romano, que transformou todo este territorio”.