Caurel Vivo argumenta que "non se fixo nada" para previr que volva a suceder un incendio como o do ano pasado

RibeiraSacraXa
Caurel Vivo argumenta que "non se fixo nada" para previr que volva a suceder un incendio como o do ano pasado
folgoso courel incendio forestal lume
14 Xul 2023

Desde Caurel Vivo critican que, despois dun ano que fai esta semana do lume "máis grande vivido no Courel" e que calcinou o 60 % do territorio do Concello de Folgoso do Courel, "as promesas das administracións só chegaron aos titulares da prensa".

Así, o seu portavoz, Óscar Carrete, lembra que o lume estivo activo durante 14 días, nos que os veciños, veciñas e brigadistas "sacaron o mellor que tiñan para que a traxedia non fose aínda peor do que xa foi. E, a pesar do esforzo, non se puideron salvar casas, aldeas e gran parte do territorio que rematou calcinado".

Despois deste suceso, desde Caurel Vivo defenden que foron "poucas" as axudas que serviron para paliar os danos e "ningunha" para previr que ocorra unha "catástrofe semellante". Din que, ademais do "mal que fixeron todas as administracións durante a extinción do incendio" tras un ano, "non se aprendeu nada", denuncian. E sentencian que "se ese lume chegase de novo, volveríase repetir exactamente a mesma situación".

Datos nos que se apoian as críticas

Así, apuntan a que os tanques de auga seguen baleiros por non ter arranxada a captación no Mazo de Santigoso, en Carballal ou en Froxán, entre outros. Así, fan unha pregunta: "Con que se apaga o lume, se non hai onde cargar auga?"

Ademais, "a isto temos que sumarlle o máis importante", indican, que é que en Folgoso do Courel non hai unha brigada da Xunta de maneira estable, todo o ano. "Só contamos con dous brigadistas da Xunta e non hai carroceta todo o ano, non dispoñemos de brigadas de apoio, unicamente as brigadas que convoca o concello cada ano", explican.

"Por qué non se reforzan as brigadas da Xunta para que nunha das zonas de maior biodiversidade e máis afastada do distrito forestal VIII – Terra de Lemos estean de maneira continua?", preguntan.

E enganden que "se aos lumes de sexta xeración lle sumamos o calor extremo, ausencia de zonas para carga de auga, cada vez máis combustible preto das aldeas, carencia de brigadistas da Xunta na zona, que os desbroces de faixas non sexa adecuado ou mesmo que non existan..., todo apunta a unha nova situación como a do ano anterior". Por último, argumentan que "non vale botar as mans a cabeza cando pase, vale esixirlles ás administracións que cumpran co que se precisa".

0.19177889823914