Castro de Carballedo prepárase para celebrar unha nova edición da Festa da Carne ao Caldeiro

Castro de Carballedo celebrará o vindeiro domingo, 13 de abril, a XXII Festa da Carne ao Caldeiro, organizada pola Asociación de Veciños O Bubaíño coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e as responsables da organización, Hita Gómez e Isabel Méndez, presentaron a festa, na que se prevé servir máis dun milleiro de racións de carne ao caldeiro e carne richada, receitas tradicionais que enxalzan a calidade da carne de vacún da zona e que, grazas ao impulso da asociación, se manteñen como un recurso para dinamizar a vida nesta parroquia de Carballedo durante todo o ano, sendo tamén un grande reclamo para as feiras mensuais.
O vicepresidente da Deputación valorou “o traballo da asociación na organización desta cita que, ademais de amosar a gastronomía e outros recursos culturais do concello ás persoas visitantes, é un punto de encontro e de recoñecemento para a veciñanza da parroquia de Castro e de todo o municipio”, e enmarcou a colaboración coa feira no “apoio da Vicepresidencia da Deputación ao tecido asociativo e cultural, que cumpre unha función fundamental na dinamización do rural”.
Na contorna da praza celebrarase un mercado de produtos locais e artesanía con 14 postos. Ademais, a organización aproveita esta cita gastronómica para promover o patrimonio arquitectónico, cunha ruta polas igrexas románicas do municipio.
A agrupación de música tradicional Falcatrueiros animará a festa, na que tamén se poderá visitar a exposición de fotografías antigas “Mulleres construíndo futuro” na Oficina de Turismo.