Cambiarán o trazado da liña de alta tensión que afecta a sete concellos do centro e sur de Lugo
O pleno provincial aprobou por unanimidade unha proposta do goberno provincial en apoio ás persoas afectadas polo proxecto de execución da liña de alta tensión nos concellos de Sarria, Paradela, Láncara, Becerreá, Baralla, O Saviñao e Chantada, na que se reclama á Xunta de Galiza que se estuden alternativas viables ao trazado da liña eléctrica, buscando minimizar os impactos ambientais, sociais e económicos.
O vicepresidente da Deputación e deputado do BNG Efrén Castro denunciou que “o trazado responde á conveniencia e ao interese económico da empresa pero vai contra o máis mínimo sentido común” xa que, explicou, nalgúns puntos, a liña pasaría pegada a núcleos de poboación e incluso a casas, con consecuencias negativas sobre a calidade de vida e a saúde das persoas, os recursos hídricos, a biodiversidade e o patrimonio, pero tamén sobre o valor das propiedades que atravesa o trazado.
O deputada nacionalista valorou a unanimidade do pleno no voto a favor da proposta e importancia “de estar unidos e facer toda a forza para que se faga un trazado mellor e non se leve a cabo este atropelo contra as persoas afectadas”. Advertiu que a orixe destas situacións está na lei de depredación de 2017 (Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais en Galicia) que deixa en mans da empresa a elaboración dos estudos de impacto ambiental, que acaban respondendo aos seus intereses económicos.
O BNG mantivo encontros coa veciñanza afectada, ofrecendo información e asesoramento para presentar alegacións ao proxecto, que está pendente de autorizacións administrativas e de aprobación do estudo de impacto ambiental por parte da Xunta.