Bóveda subvencionará o 100% das licenzas de obra de vivendas unifamiliares
Os orzamentos inclúen unha partida para subvencionar o 100% das licenzas de obra das vivendas unifamiliares da localidade. En concreto, subvencionarase o 100% sobre o imposto de construción para a rehabilitación interior e exterior, reconstrución ou construción de obra nova das vivendas unifamiliares.
Esta medida será efectiva unha vez que os novos orzamentos entren en vigor e terá carácter retroactivo, de xeito que se poderán beneficiar desta achega todos os veciños e veciñas que pagaran o imposto de construción desde o día 1 de xaneiro deste ano e estará vixente ao longo de todo 2021.
Con esta partida preténdese, segundo o alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, "investir en fixar poboación e na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas a través de distintas intervencións nas súas vivendas".
O rexedor lembra que se trata dun obxectivo compartido co proxecto 'HolaPueblo', do que forma parte o Concello de Bóveda e co que o goberno local agarda "atraer investimentos ao rural mediante a captación de novos emprendedores".
Para poder facer fronte a estas axudas o Goberno local destina unha partida inicial nas contas deste ano, que ampliará con remanentes de ser necesario.
O Concello de Bóveda concedeu o pasado ano arredor de 20 licenzas deste tipo, principalmente para cambios nas cubertas das vivendas, polas que ingresou unha taxa dun 2,5 en concepto de imposto de construción.
AS CONTAS
Os orzamentos para o 2021, que se veñen de aprobar, ascenden a 1.426.031 euros e priman o gasto social e os investimentos reais.
Entre as partidas máis relevantes atópase a que se vai destinar a gasto social, 292.450 euros, "cos que seguir estando ao lado das persoas, axudándolles naquilo que precisen e tendo en conta as necesidades especiais que xurdiron coa pandemia", di José Manuel Arias.
Entre os principais proxectos que recollen as contas atópanse fondos propios para seguir avanzando no cambio de luminarias LED na Avenida San Vicente de Ver, no Parque Empresarial, na Avenida Alfonso XIII, na Avenida de Galicia e na Avenida de Santiago, entre outros lugares.
Tamén se contempla a construción dunha nave para albergar o viveiro de empresas, á que o goberno local destina 65.000 euros, a pasarela da contorna do Río Mao, a compra dun vehículo eléctrico ou os 30.000 euros que van destinar a mellorar o firme das estradas naqueles puntos onde se atopa máis deteriorado.
O goberno local destaca tamén as subvencións para a gardería, para asociacións e clubs de fútbol, así como a partida destinada a un novo obradoiro de emprego, a achega ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e a participación no proxecto empresarial Semente Ribeira Sacra, entre outros.