Bóveda pon en marcha o programa “Familias Corresponsables. Coidado Compartido”

O Concello de Bóveda inicia este sábado, día 6 de setembro, en Rubián, o programa “Familias Corresponsables. Coidado Compartido”, cun encontro aberto ás familias centrado na reflexión sobre a corresponsabilidade.
A iniciativa pretende promover a idea de que coidar non significa só “axudar”, senón implicarse de maneira activa. Trátase dunha sesión práctica e participativa na que persoas adultas, nenos, nenas e adolescentes conversarán sobre os roles de xénero aprendidos e sobre a importancia de que os homes teñan unha maior presenza nas tarefas de coidado. O obxectivo é que cada membro do fogar se recoñeza como parte desa responsabilidade diaria e contribúa ao benestar común.
Entre as dinámicas propostas está “Quen coida aquí? Isto tamén vai contigo”, pensada para abrir o diálogo, cuestionar hábitos e avanzar cara a unha igualdade real a través do coidado compartido.
A actividade estará conducida pola educadora social Paula Santos e repetirase en Guntín o sábado 13 e na Raíña o sábado 20 de setembro. A participación é gratuíta e está aberta a todas as persoas interesadas.