Bóveda dá a coñecer o programa de actividades para conmemorar o 25N
O Concello de Bóveda conmemora o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cun amplo programa de actividades que se estenderá ata finais de novembro.
O programa inclúe varias exposicións, actividades na ocioteca e na biblioteca, teatro e actividades no CEIP Rosalía de Castro de Bóveda para concienciar ao alumnado.
Así, ata o 29 de novembro terá lugar o programa ‘Ociioteca Violeta’, que contará con xogos sobre igualdade e talleres de elaboración dun mural e análise de cancións sobre violencia de xénero.
O día 20 de novembro inaugurarase a exposición bibliográfica ‘Feminismo e loita contra a violencia de xénero’, na Axencia de Lectura Municipal.
Pola súa banda, o 24 de novembro terá lugar a inauguración da mostra de pintura ‘Damas ilustres’, que poderá visitarse ata o 8 de xaneiro no Centro Sociocultural. A inauguración terá lugar ás 18.00 e, posteriormente, ás 19.00 horas, terá lugar a función a función ‘E.L. Expectativa Lonxana’, da man do grupo de teatro Nova Escena (Lugo), que forma parte do Circuíto de Teatro Afeccionado da Deputación de Lugo.
O propio día 25 de novembro desenvolveranse varias actividades para o alumnado do CEP Rosalía de Castro. Pola súa banda, para o alumnado de infantil e primeiro ciclo organízase o contacontos ‘El chubasquero de Aurora’, mentres os alumnos de segundo e terceiro ciclo asistirán a unha proxección de audiovisuais sobre a violencia de xénero feitos por centros educativos de primaria. Ademais, a rapazada do centro participará na elaboración dun mural xigante con tarxetas violeta sobre a proxeccións anteriores.
Por último, o día 27 de novembro chegará a ‘BibliotecAccesible’, unha actividade que arrancará ás 11.00 horas coa proxección de curtamertraxes para previr o maltrato na parella.