Bóveda contará cun polígono agroforestal de máis de 50 hectáreas
O proxecto que na actualidade atópase en fase de actuacións previas, porá en valor case 52 hectáreas de terreo no concello de Bóveda. Dividirase en 292 parcelas correspondentes a 200 propietarios.
Así o destaca o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, nun encontro cos veciños implicados no que será o futuro polígono de iniciativa pública de Val de Lemos.
Neste senso, José González, sinala que en toda Galicia son 21 os procedementos xa iniciados (contabilizando este de Bóveda), cunha superficie próxima ás 9.000 hectáreas. O conselleiro sinala que estas iniciativas póñense en marcha en aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, co fin de recuperar grandes espazos produtivos segundo o tipo de cultivo máis acaído ou de maior tradición en cada zona.
O obxectivo destas iniciativas, tal como detalla González, “é dinamizar o territorio e xerar actividade económica. Isto, para facilitar que siga sendo posible vivir no e do rural e para anticiparse aos lumes, evitando que se rexistren ou, en todo caso, para minorar o seus efectos”, salienta o conselleiro.
Os polígonos agroforestais céntranse en potenciar os tres usos do chan (agrario, gandeiro ou forestal). A iniciativa pode ser da Administración ou de particulares, requirindo o acordo de propietarios (ou representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70% da superficie do perímetro do proxecto.
Así mesmo, a norma establece que cos polígonos poderanse producir cambios de titularidade por compravendas ligadas á posta en marcha do proxecto e tamén contratos de arrendamento entre os propietarios e os interesados en poñer a producir esas terras.
“Ademais dos polígonos, a Xunta aposta, no marco da devandita lei, por outras figuras para recuperar e valorizar a terra agraria, entre as que cómpre destacar dúas: as aldeas modelo, que pretenden recuperar as contornas de núcleos de poboación, e as agrupacións de xestión conxunta, que buscan unha xestión sustentable e eficiente dos terreos agroforestais, co fin de recuperalos e poñelos en valor”, remarca González.
Nesa liña, o titular de Medio rural quixo facer balance das aldeas modelo na provincia de Lugo. “Isto inclúe as xa aprobadas e rematadas aldeas de Parada dos Montes, na Pobra do Brollón (de 15,55 hectáreas) e a de Trascastro, no concello do Inicio (14 ha de superficie). Tamén están aprobadas a de Moreda, en Folgoso do Courel (38,86 hectáreas), Bustelo de Fisteus, no concello de Quiroga (12,68 hectáreas) e Francos de Proendos, no municipio de Sober (12,87 hectáreas)”.
Por último, José González tamén alude á aldea modelo de Vilela, en Navia de Suarna, “que se atopa en fase de recollida de sinaturas e conta cunha superficie de 47,83 hectáreas. Estas aldeas forman parte das 21 aprobadas en toda Galicia, cunha superficie mobilizada de máis de 2.350 hectáreas”.