Bóveda conmemora o Mes das Bibliotecas con actividades para todos os públicos

Bóveda celebra durante este outubro o Mes das Bibliotecas cun amplo programa de actividades organizadas polo Concello a través da Axencia de Lectura Municipal e coa colaboración da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. As iniciativas inclúen obradoiros, exposicións, visitas guiadas e concursos para todas as idades.
Entre as propostas destaca o III Concurso de Poesía do Concello de Bóveda, cuxo tema xira arredor do medo, o terror, o Samaín, o magosto e as crenzas galegas sobre os defuntos. Poderán participar tanto nenos como adultos en distintas categorías, con premios en vales para librarías que van de 30 a 80 euros. Os traballos poderán presentarse ata o 31 de outubro.
Ademais, do 20 de outubro ao 5 de novembro, poderase visitar a exposición “As bibliotecas máis fermosas do mundo”. Pola súa parte, o 23 de outubro, o CEIP Rosalía de Castro realizará unha visita guiada á biblioteca. Ese mesmo día haberá novos obradoiros: ás 10:30 h, “Os misterios da RaLida: a Rá que máis Le” para infantil, e ás 12:30 h, “Tesouros entre páxinas” para primaria.
O 24 de outubro, a biblioteca celebrará unha xornada de portas abertas de 10:00 a 15:00 h, con entrega dun libro aos novos inscritos e presentación da nova Guía de persoas usuarias. Ademais, ofreceranse sesións formativas sobre o uso da biblioteca e obradoiros de alfabetización dixital, incluíndo “Os enganos na Internet”.
O 31 de outubro, realizarase o obradoiro “Cómo detectar os bulos na Internet”, mentres que o 25 de outubro, ás 19:30 h, o grupo Teatraires de Monforte representará a comedia “Retrincos e Cousas” dentro do Circuito de Teatro Afeccionado da Deputación de Lugo, dirixida a maiores de 8 anos.
Finalmente, do 5 de outubro ao 5 de novembro, poderase visitar a Mostra Bibliográfica de Libros de Medo e Samaín, con obras da colección da Axencia de Lectura Municipal.