Bóveda acolle este domingo a representación da obra 'O Pano'

RibeiraSacraXa
A compañía Bátega Teatro actuará ás 20:00 horas na Casa da Cultura
o-pano-batega-teatro-boveda
15 Nov 2025

A Casa da Cultura de Bóveda será este domingo 16 o escenario, ás 19:00 horas, da representación de O Pano, unha proposta teatral da compañía Bátega Teatro.

A obra entrelaza as vidas de Celia e Sau, dúas mulleres separadas no tempo pero unidas por unha mesma ferida. Celia, nacida en 1924, chega ao limbo repasando unha vida marcada pola Guerra Civil, a posguerra e unha relación atravesada pola violencia machista. A través da natureza e da forza herdada das súas devanceiras, consegue reconstruírse e seguir adiante.

Pola súa parte, Sau 43 procede dun mundo distópico situado en 2040, no que a sociedade vive baixo un estrito control tecnolóxico e unha violencia crecente. Tras atravesar unha fenda temporal, tenta comprender como o pasado condiciona un futuro que semella encamiñado ao colapso.

O Pano propón unha viaxe emocional e crítica a través de dúas épocas, convidando o público a reflexionar sobre a memoria, a violencia e a necesidade de construír un presente diferente para evitar un futuro sen horizonte.

⚙ Configurar cookies
0.069195032119751