Blas Rodríguez: “Sen o labor dos voluntarios, o Quiroga Trail Challenge non sería posible”

RibeiraSacraXa
O director do Quiroga Trail Challenge explica como se organizou esta proba, que xa cumpre once edicións e reunirá este ano a máis de 1.200 corredores
blas-manu-quiroga-trail-challenge
Blas Rodríguez e Manu Barreiro, organizadores do Quiroga Trail Challenge 2025
9 Feb 2025

O Quiroga Trail Challenge regresa por undécimo ano os próximos días 15 e 16 de febreiro, reunindo a máis de 1.200 corredores nas montañas do Caurel. O seu director, Blas Rodríguez, fálanos dos pormenores desta proba.

Como xurdiu o Quiroga Trail Challenge?

Bueno, a orixe realmente non fomos nós. Foi unha empresa chamada Turgalia a que comezou con isto. Ao principio, como ocorre con moitas carreiras, había entre 70 e 100 corredores por proba e organizábase un circuíto de tres carreiras. Logo, o circuíto reduciuse a dúas. Eu levo aproximadamente oito anos involucrado. Comecei axudando na organización e, ao ano seguinte, xa fun director da proba. Hai catro anos, en 2020, Turgalia decidiu deixar a proba. Aínda que ese ano foi o da pandemia, nós conseguimos sacala adiante. Porén, en 2021, debido á inestabilidade do momento, decidimos non realizala. Consideramos que non pagaba a pena xerar unha acumulación de xente nesa situación.

Como evolucionou a proba ao longo dos anos?

Desde que Manu Barreiro e máis eu tomamos as rendas do evento a través do monte autóctono de montaña, a carreira medrou moito. En 2020, chegamos a case 1.400 corredores (1.355, para ser exactos). A xente tiña moitas ganas de volver á actividade tras a pandemia. Desde entón, mantivémonos arredor dos 1.200 corredores. O ano pasado tivemos 1.255, e na edición anterior foi unha cifra similar. Este ano pecharemos as inscricións en 1.200, pero logo sempre hai entre 10 e 20 corredores máis por compromisos, así que nos moveremos neses números.

Son cifras moi boas. Como se financia a proba?

Si, son números moi bos. Como non contamos con grandes patrocinadores, dependemos case na súa totalidade dos corredores e, por suposto, dos voluntarios. Temos unha gran colaboración por parte do Concello de Quiroga, pero non hai unha empresa que nos achegue unha gran cantidade de diñeiro que nos permita organizar a carreira sen importar o número de inscritos. Nós organizamos isto como afeccionados, non somos unha empresa. A proba ten que ser viable economicamente porque, se non, teriamos que asumir as perdas nós mesmos. A proba non sería posible sen o labor que fan os voluntarios.

Cántos voluntarios participan?

Temos 220 voluntarios, entre eles os equipos de Protección Civil de Manzaneda, A Rúa, Petín, Quiroga e San Clodio. Sen eles, sería inviable. En total, contamos con sete avituallamentos, persoal controlando a carreira e equipos en vehículos 4x4 vixiando zonas no caso de que haxa que realizar rescates. É completamente imposible organizar unha proba deste nivel sen voluntarios. Se tivésemos que contratalos, teriamos que cobrar uns 300 euros por inscrición, o que faría que houbese moitos menos corredores. Ademais, moitos voluntarios tamén son corredores, así que algúns corren un día e axudan os outros. Nós intentamos coidalos ao máximo. Proporcionámoslles aloxamento, regalámoslles unha cazadora e dámoslles toda a comida posible para que, polo menos, vir a Quiroga non lles supoña un gasto económico.

Que fai especial ao Quiroga Trail Challenge respecto a outras carreiras de montaña?

A pesar de que manexamos cifras altas (1.200 corredores e sete distancias), mantivemos a esencia da carreira. O Quiroga Trail Challenge segue sendo, ante todo, unha carreira popular. Para nós, cada corredor é importante. Hai carreiras que pagan a corredores élite para que participen, pero nós negámonos a facelo. Quen vén aquí faino porque lle gusta a carreira.

Outro factor diferenciador é que traballamos moito os percorridos. Non nos limitamos a usar pistas fáciles. Buscamos sendeiros interesantes, percorremos aldeas da zona, lugares con valor etnográfico como as ferrerías ou puntos de gran beleza natural, como as fervenzas polas que pasa a ultra.

Tamén intentamos que o evento dinamice a economía local. Para nós, non é só unha carreira: queremos que os participantes veñan con espírito festivo e pasen toda a fin de semana na zona.

Que impacto ten a proba nos municipios próximos?

Prácticamente copamos o aloxamento de Quiroga con voluntarios e corredores. Hoteis, casas rurais, pisos turísticos e o albergue énchense por completo. Cando nos preguntan onde aloxarse, adoitemos recomendar Monforte, O Barco ou A Rúa. Tamén hai xente que se aloza en Folgoso, aínda que, se o tempo é malo, as estradas de montaña poden dar problemas. Outros optan por ir ao Poboado de Brollón. Ademais, intentamos que os percorridos estean limpos dous meses antes da carreira. Isto fai que corredores veñan adestrar antes do evento, o que tamén dinamiza a economía local.

Como seleccionades os percorridos?

Utilizamos sendeiros de pequeno percorrido que xa están marcados polo Concello e encargámonos de mantelos limpos. Galicia ten un problema: en tres meses, os sendeiros énchense de maleza. Hai que limpalos case todos os anos. Logo, buscamos puntos clave: o pico máis alto do Concello de Quiroga (Pía Páxaro), a fervenza máis espectacular (Vieiros), e aldeas emblemáticas como A Seara. Tamén pasamos por Parada Seca, Rugando, Vilarmel, Outeiro e Vilarbacú, percorrendo dous vales importantes como o Val do Río Soldón e o Val de O Rego das Eiras.

Como son os percorridos e que nivel de esixencia teñen?

O sábado o percorrido é variado, con un pouco de todo. O domingo imos á Montaña do Lor, unha zona pouco coñecida, cun trazado máis salvaxe e esixente. De feito, adoito dicir que fomos "detrás dun xabaril poñendo balizas".

Temos desde unha ultra de 85 km, con 70 inscritos, ata unha proba de 10 km para principiantes. Tamén hai distancias intermedias: 53 km, 33 km, maratón (42 km), 17 km e dúas marchas sendeiristas sen cronometraxe de 17 e 10 km.

Pode participar calquera persoa?

Si, salvo na ultra, onde os tempos de corte son esixentes. No resto de probas, somos máis flexibles. Temos algúns percorridos para xente que non está tan preparada e tamén para quen queira vir andar. Hai un pouco de todo.

Xa estades pensando na edición de 2026?

Si, de feito xa temos data e anunciarémola proximamente. Sempre estamos planificando melloras. Observamos percorridos novos, axustamos distancias e fixamos a data con outros organizadores para evitar coincidencias. Mentres a carreira nos achegue máis no persoal do que nos esixa en esforzo, seguiremos adiante. Se algún día se converte nunha carga, deixarémola en mans doutros.

Como traballades para facer a carreira máis sustentable?

Non usamos plástico para marcar o percorrido. Empregamos cintas de tea reutilizables e bandeiras propias. Ademais, utilizamos a auga de cada pobo para reducir residuos plásticos. Intentamos minimizar a nosa pegada ecolóxica, porque organizar un evento nunha contorna natural implica unha gran responsabilidade.

0.17970395088196