Blas Rodríguez , director do Quiroga Trail Challenge: “Coa carreira queremos poñer en valor o que é o territorio”
Falamos con Blas Rodríguez, director e organizador do Quiroga Trail Challenge, que este ano cumpre a súa décima edición.
Como xorde a iniciativa de poñer en marcha esta iniciativa deportiva hai dez anos?
Ao principio, a iniciativa foi promovida por unha empresa que é Turgalia, que organizan tres carreiras que eran como un circuíto, logo pasaron a dúas carreiras. Así, os cimentos disto ponos a empresa, mentres que eu me incorporo a axudarlles a eles porque eu corría e necesitaban outras perspectivas. Fixen de escoba nas carreiras e na segunda edición xa fun o director técnica da carreira.
Hai catro anos Turgalia deixou de levar a iniciativa do Quiroga Trail Challenge e collemos o relevo Manu, un rapaz de San Clodio, e eu, que decidimos seguir coa carreira para que non se perdera. Montamos un club de montaña, Montouto Club de Montaña, con sede en San Clodio e falamos co Concello de Quiroga para que fose o coorganizador.
Así, comeza a primeira carreira que organizamos nós, no ano 2020, quince días antes do covid e con moi boa resposta. Logo, no ano 2021 non puidemos facela e ao seguinte, no 2022, tivemos a mellor edición da carreira, xa que sobrepasamos os 1.300 corredores. Cremos que foi porque a xente tiña moitas ganas de saír da casa. Xa neste último ano, 2023, fixemos un cambio de percorrido por mor dos incendios do Courel e mantivemos os dorsais do 2022, a pesar de non chegar a 1.300 corredores, xa que conseguimos 1.160. Este ano, xa nestas datas, temos máis de 1.000, o que fai que isto xa teña viabilidade económica.
Como evolucionou a carreira?
A carreira cando empezou hai 10 anos, como todas, tes que traballar pico e pala. Moviamos 70 corredores si ou si porque se non se podía organizar, pero á xente ao principio cústalle moito participar porque non sabe de que vai. Así, a partir do 5º ano xa contaba con 500 corredores, sempre en subida. Cando deixa Turgalia a organización, deixa o número de participantes en 700 corredores.
Actualmente, nós valoramos que todos os corredores sexan iguais, non buscamos nin valoramos máis que veñan os mellores corredores, queremos que isto sexa unha festa: A festa do Trail Galego, na que desfrutarán de grupos de gaiteiros e algo novo cada ano. Tamén promovemos que a xente desfrute cos percorridos, xa que a zona do Courel é espectacular.
Xusto falando diso, cales son os motivos polos cales ten tan boa acollida entre a xente?
Nós contamos cunha vantaxe en relación con outras carreiras: temos un territorio que é unha xoia, ten moito xogo para facer carreiras: a cantidade de bosques e sendeiros que hai, ter que cruzar ríos... iso dálle moitísima forza.
Nós conseguimos fidelidade á carreira, hai xente que vén ano tras ano porque conseguimos que sexa unha carreira de referencia fóra de Galicia. Incluso temos cada vez máis xente de fóra, este ano arredor de 200 corredores, 6 de países europeos que antes non tiñamos e é moi importante, 50 de Madrid, 20 de Asturias...
Con esta carreira queremos poñer en valor o que é o territorio, que a xente se quede no pobo. É importante que a xente quede porque hai máis ambiente, os corredores séntense mais arroupados e é unha forma de coñecer o Courel.
Nós facemos uns libros de ruta contando as dificultades técnicas das rutas e falando dos valores etnográficos do Courel, poñendo en valor os sitios con valor tradicional.
Como vai ser esta décima edición?
Vai ser como ademais, engadindo unha carreira ultra de 90 na que os corredores percorrerán cascadas, como a do río Pomba, que desemboca no rio Quiroga, a de Pombar... Os corredores tamén pasarán pola antiga mina que tivo unha grande importancia económica; e polos picos mais significativos da Serra do Courel.
Este ano, ademais, promovemos para o día 22 unha carreira dos picariños no campo de fútbol de Quiroga co fin de dar a coñecer este deporte ao alumnado dos colexios dos tres concellos do Xeoparque do Courel.
Con que apoios contan para desenvolver esta iniciativa?
Contamos co apoio do Concello de Quiroga, que é coorganizador; do Concello de Ribas de Sil, que aporta a loxística e protección civil; do Concello de Vilamartín de Valdeorras tamén en protección civil; do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e este ano co apoio tamén da Deputación de Lugo. Non pedimos colaboración da Xunta de Galicia porque non queremos entrar no tema das subvencións, xa que é un lío porque non sabes canto diñeiro te van dar e é a posteriori.
Ademais, cada ano temos máis apoios por parte do comercio de Quiroga, porque entende que se lle dá impulso económico ao municipio e á comarca, porque moita xente queda durmir. Non só en Quiroga, senón que se enche A Pobra do Brollón, Monforte, Folgoso do Courel, a Rúa e o Barco de Valdeorras.
Unha mención especial debemos facerlle aos voluntarios, xa que son 180 persoas que colaboran con nós na organización deste evento durante os dous días que se desenvolve e nós proporcionámoslles o aloxamento porque son o noso tesouro. O albergue de Quiroga é como a sede e nolo cede para a carreira e aloxamos a todos os voluntarios.
Para rematar, eu son a cabeza visible, pero hai sete persoas que traballan todo o ano para a carreira, como Manu, un rapaz que nos leva a web, outro que leva as redes sociais, outro que supervisa os textos, outro rapaz de San Clodio que ten o coche oficial... Temos tamén xente traballando moitísimas horas para desbrozar a zona onde van correr os corredores... En definitiva, hai moito traballo para ofrecer tanto a corredores como visitantes a mellor experiencia deportiva do ano.