Besteiro comprométese a convertir o Porto Seco de Monforte nun nodo loxístico de referencia en Galicia
Besteiro subliñou que o Partido Popular ten “incompleto e paralizado” o Porto Seco dende hai 10 anos.
O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse en Monforte de Lemos a que cando estea á fronte do Goberno galego desbloqueará o Porto Seco e converterao en nodo loxístico de referencia en Galicia.
Xunto ao alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o equipo de Goberno municipal, Besteiro subliñou que o Partido Popular ten “incompleto e paralizado” o Porto Seco dende hai 10 anos: “Feijóo fixo unha inauguración ficticia no ano 2014 e dende entón a Xunta inclúe partidas ridículas nos Orzamentos, que nunca executa: primeiro de 750.000 euros e no 2023 baixou a 500.000 euros, consignación que mantén neste 2024”.
Besteiro sostivo que poñerá fin a este bloqueo, asegurando que cos socialistas no Goberno “este Porto Seco pasará de estar como agora, seco, a ser o exemplo da dinamización industrial, empresarial e ferroviaria de Galicia”.
Potencialidades do Porto Seco de Monforte
Besteiro sinalou que activará unha infraestrutura que “é decisiva para o crecemento económico e o tráfico de mercadorías da provincia de Lugo e do conxunto de Galicia, xa que o Porto Seco debe ser un polo de atracción e impulso económico e industrial para a Galicia interior e favorecer así a cohesión territorial”.
Rematar e poñer en marcha esta dotación “non é unha opción, é unha obriga para mellorar a competitividade dos portos galegos e poder chegar con máis axilidade aos mercados mundiais de primeiro nivel”, afirmou, ao tempo que explicou que a situación estratéxica de Monforte e a súa saída ferroviaria, coa promoción tamén da intermodalidade, fai desta plataforma loxística a ideal para configurar convois cara o centro de Europa e vai a situar a Monforte como “un nodo do transporte por mercancías, dentro da aposta polo Corredor Atlántico e a entrada dos fluxos de mercancías dende os portos costeiros de Galicia”.
O candidato incidiu en que “co bloqueo do Porto Seco, Rueda está freando o auxe de Monforte como polo de desenvolvemento económico e industrial”. De feito, asegurou, “se Monforte e a comarca volven a medrar é grazas á aposta decidida do rexedor e tamén da Deputación e do Goberno do Estado”, explicou Gómez Besteiro.
O Porto Seco de Monforte é unha plataforma loxística para a distribución de mercadorías de 146.000 metros cadrados situada ao noroeste de Monforte, xunto á liña ferroviaria entre León e A Coruña.
Para a súa posta en marcha, di o candidato, "é preciso completar os accesos, unindo a N-120 coa saída do Porto Seco cun investimento estimado necesario de 4,5 millóns de euros; e a dotación dun peirao de carga, que é fundamental para que a plataforma loxística poida considerarse intermodal, pois sen un sistema destas características non é posible o transvase de mercadorías operativo entre a terminal ferroviaria e as parcelas".