Avanzan as obras de saneamento e depuración levadas a cabo pola CHMS en Ferreira de Pantón

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e José Luis Álvarez, alcalde do municipio lucense de Pantón, visitaron esta semana as obras de saneamento e depuración que o organismo de conca está a executar no núcleo de San Martín (Ferreira de Pantón).
Na actualidade, a parroquia de San Martín de Pantón conta cun sistema de depuración pouco adecuado e deficitario, o que provoca vertidos recorrentes ao río Carabelos, afluente do río Cabe.
Para solucionalo, proxectouse unha primeira fase de actuacións, consistentes na execución do colector principal, de diámetro 315mm e lonxitude total de 850 metros, así como a construción dunha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) que inclúe o sistema de desbaste, tratamento primario con tanque tipo Imhoff, tratamento secundario mediante sistema de leitos bacterianos, e decantador secundario.
“Actuacións en execución que avanzan a moi bo ritmo e que supoñen unha inversión próxima aos 870.000 euros, financiados nun 80% pola CHMS e o 20% restante polo Concello, que comezaron a finais de decembro e que se prevé que estean rematadas ao longo do mes de agosto”, explicou Quiroga.
“Para completar estas actuacións redactouse unha segunda fase, pendente de licitar, na que se executarán o resto de colectores que conectarán co colector principal en execución”, engadiu o presidente.
“Estamos ante unha obra de saneamento moi visual durante a execución, se ben, como a maioría das actuacións deste tipo, non se apreciará unha vez rematada, pero o resultado será unha mellora notable do medio ambiente e da calidade das augas do río Carabelos”, explicou Quiroga.
Pola súa parte, o alcalde agradeceu a implicación e a importante financiación da CHMS nesta actuación clave para o seu municipio.
“A colaboración institucional é a clave para conseguir proxectos importantes para preservar e mellorar a calidade das augas dos nosos cauces fluviais, sendo fundamental a implicación dos gobernos locais como canle de comunicación máis directo e claro, polo coñecemento que posúen das necesidades reais das zonas que representan”, concluíu o presidente.