Aumentan os usuarios do Servizo de Atención Temperá da comarca de Quiroga

RibeiraSacraXa
O SAT atende os municipios de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Bóveda, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Pantón e Sober
comision-mixta-sat-quiroga
13 Aug 2025

A Comisión Mixta do Servizo de Atención Temperá (SAT) agrupado de Quiroga celebrou o pasado 31 de xullo unha reunión ordinaria no Salón de Plenos do Concello de Quiroga, coa participación de representantes dos municipios de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Bóveda, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Pantón e Sober.

O alcalde, José Luis Rivera, deu a benvida aos asistentes, e o concelleiro de Servizos Sociais e director do SAT, Xosé Manuel Fernández, presentou os puntos previstos na convocatoria. Entre eles, aprobáronse a acta da última reunión, celebrada a finais de 2024, a memoria de actividade do ano pasado, a liquidación do orzamento 2023-2024 e a contratación dun terapeuta ocupacional para cubrir unha baixa laboral.

Na memoria de 2024, o servizo reflectiu un incremento na atención prestada. As sesións de valoración pasaron de 205 a 283, mentres que o tratamento directo e individualizado para nenos e as súas familias aumentou de 94 a 111, cun total de 58 nenos e 53 nenas atendidos. Fernández destacou que “os datos, pola dinámica destes últimos anos, reflicten aumento de usuari@s e polo tanto a necesidade de manter o número de profesionais e o nivel e calidade do servizo actual”.

Por primeira vez, o 27 de xuño celebrouse unha xornada de portas abertas para dar a coñecer o SAT e realizar actividades con familias que reciben ou recibiron atención. Está previsto que este 2025 se repita a iniciativa a principios de setembro.

En 2024, O Saviñao concentrou o 33,4 % dos usuarios, seguido de Quiroga (28,8 %), A Pobra do Brollón (9 %) e Folgoso do Courel (7,2 %). As especialidades máis demandadas foron logopedia (39,28 %) e psicoloxía (33,06 %).

As enquisas de satisfacción valoran de forma moi positiva ao persoal e a evolución dos menores, aínda que sinalan como aspectos negativos algunhas cuestións relacionadas coas instalacións e, en casos puntuais, os desprazamentos. Segundo a Comisión, o servizo “cumpre ben as súas funcións, que está moi ben valorado e os/as representantes dos concellos agrupados amosaron a súa satisfacción pola evolución do mesmo e polo importante apoio que representa para as familias”.

En canto á liquidación do orzamento 2023-2024, a subvención concedida foi de 167.023,28 euros, mentres que o custo total ascendeu a 169.845,85 euros. A diferenza, de 2.822,57 euros, deberá ser asumida con recursos propios dos concellos. A cantidade é sensiblemente inferior á do exercicio anterior, cando a diferenza foi de 15.506,28 euros.

A reunión concluíu coa aprobación da contratación, por tres meses, dun terapeuta ocupacional a través da entidade COGAMI, despois de varios intentos fallidos para cubrir a praza mediante convocatorias públicas de emprego.

⚙ Configurar cookies
0.17345094680786