Aspanas inaugura o seu Mercadiño Solidario de Nadal

RibeiraSacraXa
Poderase visitar no Centro Comercial Ponte Vella durante os próximos días
aspanas-mercadillo-nadal
24 Nov 2025

A asociación de familiares de persoas con discapacidade intelectual de Ourense, Aspanas, inaugurou hoxe o seu Mercadiño Solidario de Nadal no centro comercial Ponte Vella. Os produtos á venda foron elaborados a man e personalizados nos diferentes talleres ocupacionais que organiza a asociación.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, participou na inauguración e animou á cidadanía a visitar o mercadiño “por unha causa xusta: axudar a persoas que o precisan”. Ademais, agradeceu o traballo que realizan asociacións como Aspanas para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, de xeito desinteresado.

Aspanas traballa para mellorar a calidade de vida e a integración social das persoas con discapacidade intelectual, promovendo a súa autonomía e apoiando ás súas familias. No seu centro de Velle residen habitualmente 35 persoas; outras 30 conviven en réxime de luns a venres e pasan os fins de semana coas súas familias. Ademais, 28 persoas participan no centro ocupacional, onde elaboran produtos como xabóns ou serigrafías, que logo se venden no mercadiño. Finalmente, 14 persoas asisten ao centro de día, que facilita a conciliación laboral e o descanso familiar.

⚙ Configurar cookies
0.068610906600952