As marabillas que agocha a provincia
O atractivo débese á variedade de paisaxes para conectar coa natureza e coñecer paraxes.
A provincia de Lugo destaca por contar cunha inmesa sintonía pola natureza, conbinando as súas paisaxes ás maneiras de vivir.
Así, o mar, as montañas e os vales do interior proporcionan un imaxe de contrastes que fixo que os lucenses modelaran o seu carácter, as súas actividades e mesmo a súa forma de contemplar o mundo.
Unha mostra desta perfecta simbiose constitúena as Reservas da Biosfera declaradas pola UNESCO, cuxa extensión abarca máis do 55% do territorio e que converten a Lugo nun referente internacional. É aquí onde as paisaxes da auga, nas que os protagonistas adoitan ser o río Miño, o Eo ou o Navia, condicionan o resto da xeografía.
En Lugo tamén atopamos a maior superficie de Galicia protexida ao abeiro da Rede Natura 2000, a máis importante rede de espazos naturais protexidos a nivel europeo.
Dentro dos espazos protexidos da provincia sobresaen tamén Monumentos Naturais como o Souto da Retorta en Viveiro, que acolle os maiores eucaliptos de Europa; o pregamento sinclinal de Campodola- Leixazós en Quiroga, escenario idóneo para a práctica do xeoturismo e outras formacións de gran singularidade e beleza como a praia das Catedrais, un referente do turismo galego e considerada entre as mellores do mundo.
E é precisamente o litoral cantábrico o escenario onde a arquitectura do mar se desfruta en todo o seu esplendor e neste espazo, as formas dos cantís forman o carácter dunha costa salpicada polos recunchos xeolóxicos, as rías altas, os cabos e as máis de 50 praias que constitúen un sitio marabilloso para o coñecemento da biodiversidade costeira e o patrimonio marítimo, así como a práctica de deportes náuticos.
FERVENZAS
A oferta turística de espazos naturais da provincia compleméntanse coas fervenzas, que se conciben como lugares idóneos para adentrarse na natureza en silencio e, simplemente, deixarse levar polo son da auga.
Algunhas das fervenzas máis emblemáticas son o Pozo da Ferida, entre os Viveiro e Xove; ou a das Fragas do Ermo en Barreiros, lugar cun potente significado máxico-relixioso. No interior pero moi preto da costa destacan a fervenza do Pozo da Onza no Valadouro, a fervenza do Escouridal en Alfoz, o Salto do Coro, en Mondoñedo e a fervenza do río Xestosa en Ourol.
Xa no interior da provincia pódense admirar a seimeira de Vilagocende, na Fonsagrada, espectacular salto de auga de 50 metros de altura; as fervenzas da Marronda; a fervenza de Auga Caída en Pantón, que verte as súas augas no Miño ou a fervenza de Vieiros no Courel, situada nas proximidades da Seara e de camiño á lagoa de Lucenza, en pleno sendeiro PR- G 184.
LAGOAS
Lugo conta con de 340 humidais inventariados ou recoñecidos o que fai que sexa o 40% da superficie total que existe na comunidade galega de estes espazos.
Neste tipo de formacións húmidas destacan as da Terra Chá pois acolle un importante número delas e que ademais forman parte dun refuxio preferente para aves migratorias en época invernal.
Así, as lagoas de Cospeito, Caque, Santa Cristina, a lagoa do Rei ou a de Riocaldo de Begonte son só algúns exemplos onde a conservación dos espazos naturais foi compatible cos usos agrícolas e turísticos do territorio.
Outras lagoas de gran relevancia son a de Fonmiñá, situada no municipio da Pastoriza e considerada por tradición un dos nacementos do Miño ou a lagoa de Lucenza no Courel, singular pola súa orixe glaciar e polos seus máis de 16.000 anos de antigüidade.
Para coñecer máis de preto estes espazos naturais, recoméndase seguir as rutas de sendeirismo que a Federación Galega de Montañismo homologou nas súas contornas.
COVAS
Outro anaco de paixases que non se pode esquecer son as covas ou cavidades. Nela destaca á do Rei Cintolo en Mondoñedo que ten máis de 6000 metros explorados e presume de ser a máis grande de Galicia así como é un dos seus grandes prodixios xeolóxicos.
A cova é un importante refuxio de morcegos e escenario de lendas populares que falan dunha princesa prisioneira atrapada na cova polo feitizo dun bruxo.
O concello de Mondoñedo organiza desde a súa oficina de turismo visitas guiadas á cova acompañadas por un espeleólogo profesional. Igualmente, nas proximidades da cova atópase o centro de interpretación da Prehistoria, onde se pode profundar no coñecemento dos aspectos históricos, arqueolóxicos, etnográficos e naturais de Mondoñedo.
Por outra banda, e a centos de quilómetros atópase a Buraca das Choias, no municipio da Pobra do Brollón. Trátase dunha cavidade de orixe natural que foi aproveitada polos romanos para a extracción de ferro entre os séculos I a III.
A Buraca das Choias debe o seu nome ao feito de estar habitada no pasado por unha bandada de chovas de pico vermello. Actualmente, a cova é refuxio dunha importante colonia de morcegos, podendo tamén atopar nela reliquias botánicas como o Schistostega pennata, un musgo luminiscente cuxa presenza se documentou aquí por vez primeira en España e que só se atopa en contados lugares da Península Ibérica, atopándose incluído na lista vermella de especies en perigo.
Durante os meses de verán o Concello da Pobra do Brollón organiza visitas guiadas á cova para grupos reducidos, debendo efectuarse previamente a reserva no teléfono 666 435 832.
CASTROS
Os castros son poboados próximos a áreas de gran actividade agrícola ou mineira que están fortificados mediante murallas e foxos presentando planta circular e unha localización estratéxica que reforza o seu carácter defensivo. Na zona da Terra Chá destaca o de Viladonga situado en Castro de Rei, e constitúe o prototipo de asentamento castrexo do interior de Galicia. Os principais restos achados nas escavacións expóñense no seu museo arqueolóxico.
Na Mariña está o Castro de Fazouro en Foz que é o único escavado no litoral cantábrico. Foi habitado entre os séculos I e III d. C. Actualmente só se conserva da súa estrutura orixinal un conxunto de nove construcións, xa que a erosión mariña provocou a desaparición dunha parte considerable do conxunto orixinal.
Xa cara o interior está o de Zoñán en Mondoñedo que se caracteriza por ser o primeiro castro escavado en Galicia no ano 1867, traballos que non se retomarían ata o ano 2002. Datado entre os séculos I e V d.C, presenta diferentes estruturas entre as que se encontran vivendas, pequenas rúas que as comunican e eiras nun moi bo estado de conservación.
Xa cara o centro da provincia está o de Castromaior en Portomarín, xunto ao Camiño de Santiago, e está considerado un dos castros máis relevantes da Idade do Ferro no Noroeste peninsular. O conxunto destaca pola súa monumentalidade, contando cun recinto principal e outros cinco secundarios que o prolongan cara ao leste e o oeste.
Cara o sur da provincia pódense atopar o Castro Candaz, en Chantada, un peculiar castro datado de época romana atópase parte do ano mergullado baixo as augas do encoro de Belesar. O Castro de Fión na parroquia de Arxeriz, no municipio do Saviñao, sobre un espolón rochoso con vistas ao mítico meandro do Cabo do Mundo, no río Miño, e a outros castros situados na zona.
No municipio de Paradela está o Castro de Barán que está formado por dúas terrazas, unha croa e un foxo. Destaca o seu estudado plan urbano e a súa contorna, nas inmediacións dun frondoso souto de castiñeiros.
Nos municipios da montaña lucense existen numerosos asentamentos utilizados para albergar aos traballadores das explotacións auríferas romanas. É o caso do castro de San Lourenzo da Cereixa, na Pobra do Brollón e o castro de Santa María de Cervantes, reutilizados como necrópoles medievais, ou os castros de Vilar e A Torre, no Courel.
CÍCULOS LÍTICOS
En diferentes puntos da xeografía da provincia existen círculos líticos ou cromeleques, que son estruturas construídas con grandes pedras dispostas en forma circular. Algúns dos exemplos máis destacados hoxe en día sitúanse en Barreiros, Lugo e O Valadouro.
O círculo lítico da Roda, en Barreiros, é unha enigmática estrutura megalítica da Idade do Bronce, encadrada na tipoloxía dos henge británicos, que se remonta no tempo uns 4500 anos. Seguindo os estudos sobre o círculo de Stonehenge, situado en Amesbury, en Inglaterra, podería ter un carácter relacionado coa relixión, coa celebración de actos de carácter social, coa observación astronómica dos ciclos da natureza ou con rituais de carácter funerario.
En calquera caso, as hipóteses que tratan de explicar o significado destas estruturas só conseguiron alimentar o halo de misterio que as rodea. O círculo da Roda ten un diámetro duns 50 metros e está circundado por un foxo exterior de entre tres e catro metros de diámetro e un de profundidade. O círculo está flanqueado á súa vez por dous muros separados por un foxo que dá lugar á formación dunha estrutura en parapeto que acadaría os 2 metros de altura. Na posible zona de entrada consérvase unha pedra vertical, delimitando o acceso.
A existencia de círculos líticos é moi excepcional no continente Europeo, á marxe dos achados nas Illas Británicas. Na provincia de Lugo foi documentada a existencia doutra estrutura megalítica circular na parroquia de Coeses, en Lugo. Tamén na Mariña pero nesta ocasión no Valadouro, atopamos o misterioso Prado das Chantas, do que se conservan unhas 250 pedras, e os círculos das Pedragosas, próximos ao anterior, aínda que ata o de agora non se puido arroxar luz sobre a súa cronoloxía e os seus usos orixinais.
GRAVADOS RUPESTRES
Os petróglifos son gravados realizados ao aire libre sobre grandes rochas ou laxes empregando diferentes técnicas segundo a súa datación. Adoitan presentar elementos zoomorfos, cazoletas escavadas na rocha, espirais, círculos concéntricos, figuras humanas, armamento, cruces ou labirintos.
En liñas xerais, datan do período comprendido entre o século XX ao VIII a. C., aínda que tamén os hai de época medieval ou moderna.
Na provincia podemos atopar ducias de exemplos, destacando pola extensión da súa superficie os de Antas de Ulla, situados en San Fiz, no alto do Monte Farelo, onde atopamos unha das maiores concentracións de arte rupestre da provincia. Tamén en municipios do sur, como é o caso de Sober, existen destacados exemplos como os de Proendos e Bolmente e, na Terra Chá, destaca o círculo de Donalbai.