As forzas políticas que conforman Interior Galego Vivo presentaron un decálogo de medidas para vivir no rural
IGV defende medidas que garantan que as persoas que habitan o interior galego non teñan menos dereitos por vivir onde viven.
Interior Galego Vivo presenta o decálogo para un rural galego habitado e habitable nunha reunión na que se xuntaron todas as forzas políticas que constitúen esta agrupación.
A través das distintas candidaturas que concorrerán en concellos da provincia de Ourense e Lugo nas eleccións locais do 28 de maio, IGV defenderá medidas que garantan que as persoas que habitan o interior galego non teñan menos dereitos por vivir onde viven.
Deste xeito, a proximidade dos servizos básicos, aos que se quere garantir unha distancia máxima de media hora de desprazamento, ou unha fiscalidade rural que dinamice os territorios con alto grao de avellentamento, con bonificacións na Seguridade Social das pequenas empresas, son os puntos en común que levará Interior Galego Vivo ás institucións.
Desde Interior Galego Vivo defenderá que "se poden impulsar políticas de apoio á produción agraria e gandeira de proximidade e dos mercados locais" e explican que os concellos deben asumir un rol protagonista a prol de compatibilizar as instalacións de enerxía renovable coa xeración de emprego e o respecto á paisaxe, así como evitar macroproxectos empresariais depredadores do medio". Por iso, din, "apostamos por un canón enerxético para concellos e persoas propietarias e por unha xeración distribuída que afonde nun modelo descentralizado e máis sustentable".
Ademais, argumentan que "será esencial un cambio do modelo e atención ás persoas maiores e dependentes, apostando por un aumento das horas do Servizo de Axuda no Fogar, que ten que ser público e con boas condicións laborais, e servizos de proximidade, así como por un modelo residencial micro no medio rural e baseado nunha atención centrada na persoa".
Por outra banda, sosteñen que "os Concellos rurais deben ter rol protagonista na dotación de vivenda pública e na defensa da Sanidade pública e gratuíta, propoñendo que se extendan servizos como a fisioterapia ou a saúde bucodental, e defendendo unha cobertura digna de pediatría no interior galego".
Decálogo
- Trinta minutos como máximo de desprazamento en coche a calquera servizo básico e ata unha vía de alta capacidade ou ferroviaria. Remate da autovia Lugo-Ourense, remate da autovía Celanova-Portugal e posta en marcha da vía rápida Valdeorras-Ourense. Posta en funcionamento da rede viaria rexional adaptada en horarios ás necesidades laborais e vitais da cidadanía. Adaptación horaria do transporte público por estrada aos horarios e ás necesidades laborais e vitais da cidadanía. Actualización das medidas de seguridade e sinalización nas estradas do rural con especial atención das de competencia municipal.
- Impulso da produción agraria e gandeira de proximidade e dos mercados locais. Aposta por parte das administracións públicas no consumo de alimentos producidos en Galicia (km 0) en extensivo e dando prioridade á produción ecolóxica. Establecemento dun prezo xusto para os produtos agrícolas e establecemento de prezos mínimos baixo os cales non se poden vender. PAC xusta e equilibrada de impulso os pequenos produtores que paguen a seguridade social agraria e con axudas específicas para a incorporación da xente moza. Incorporar á PAC os soutos galegos. Implementar servizos de información, busqueda, asessoramento e tramitación de axudas de xeito gratuíto. Mudaremos a linguaxe administrativa para que sexa máis asequible, accesible e entendible para a cidadanía do rural.
- Fiscalidade rural pola aplicación de medidas fiscais que permite o Tratado de Funcionamento da Unión Europea en tanto en canto territorios periféricos con elevadísimo envellecemento, demotanasia e dispersión poboacional. Bonificacións na Seguridade Social para aquelas empresas situadas no medio rural.
- Cambio do modelo e atención ás persoas maiores e dependentes, apostando por un aumento das horas do servizo de axuda no fogar, servizos de proximidade e por un modelo residencial micro no medio rural e baseado nunha atención centrada na persoa. Mellora das condición laborais das persoas traballadoras, mulleres con condicións laborais precarias.
- Compatibilizar as instalacións de enerxía renovable coa xeración de emprego e o respeto a paisaxe así como evitar macroproxectos empresariais depredadores do medio, apostamos por un canón enerxético para concellos e persoas propietarias e por unha xeración distribuída que afonde nun modelo descentralizado e máis sustentable.
- Garantir en todos os concellos do rural unha programación estable anual de concertos, obras de teatro, proxeccións de cinema, recitais poéticos, exposicións, etc., achegando a cultura á poboación do rural.
- Garantir que a atención sanitaria no medio rural cumpra cos estándares de calidade axeitados, dotándoa de recursos materiais e persoais, con especial incidencia na especialidade de pediátrica. Pular polo impulso dun programa piloto de saúde bucodental universal e gratuíto que permita avaliar o impacto positivo destas medidas na saúde en xeral. Pular pola dotación da especialidade de Fisioterapia nos centros de saúde do rural.
- Impulso dun parque de vivendas público nos concellos rurais, mobilización da vivenda baleira en mans das administracións públicas para ser ofertada en aluguer social e medidas específicas para o fomento da mobilización da vivenda privada. Medidas de apoio o alugueiro e reforma da vivenda habitual no medio rural para a xente moza e supresión do imposto de Transición Patrimonial para a adquisición de primeira vivenda. Simplificación da burocracia e dos tempos para a regularización das vivendas do medio rural e das innumerables alteracións catastrais.
- Horarios escolares que respondan a necesidades educativas e non ós intereses das empresas de transporte. Dotación económica especial para Ceips, Cpis e Ies do rural destinados a garantir un número mínimo de saídas e actividades extracurriculares. Garantir a permanencia ,en ciclos de tres anos e sempre de xeito escalonado, dos equipos docentes nos centros do rural, hai centros nos que todo o equipo docente ou practicamente todo é mudado todos os anos. Garantir actividades extraescolares, sobre todo naqueles concellos que non teñen centro de ensino mais si teñen nenos e nenas. Adecuación e facilitación dos requisitos precisos para intercambios culturais, deportivos e de formación en programas estatais, europeus ou internacionais. Creación da especialidade de maxisterio rural.
- Planificación dun turismo sustentable, con coordinación de todas as administracións e axentes privados, garantindo a preservación dos espazos naturais e medindo a capacidade de carga, o mantemento das infraestruturas básicas, a promoción da calidade e excelencia turísticas e a integración desta actividade co tecido económico xeral, conservando e divulgando o patrimonio e as actividades tradicionais, coma a viticultura ou o souto, como eixos da atracción turística.