As axudas aos viticultores da Ribeira Sacra poderán solicitarse ata o 30 de xaneiro

RibeiraSacraXa
O importe da axuda varía entre 1.000 e 2.000 euros por hectárea, dependendo de se se trata dunha superficie chaira ou mecanizable, ou dun socalco tradicional de pedra non mecanizable
viñedos-Ribeira-Sacra
9 Jan 2025

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra informou aos seus viticultores sobre a posibilidade de solicitar, ata o 30 de xaneiro, as axudas destinadas á conservación da paisaxe convocadas pola Consellería de Medio Rural a través da Agader. Estas axudas están dispoñibles para todos os viticultores que estean inscritos e en activo no Consello Regulador.

Os viticultores que sexan autónomos ou entidades xurídicas deberán xestionar obrigatoriamente a solicitude de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, empregando o procedemento MR451B.

Pola súa banda, os viticultores que sexan persoas físicas poden presentar a solicitude tanto de maneira telemática, utilizando o mesmo procedemento, como de forma presencial. No caso de optar pola modalidade presencial, o Consello Regulador pode encargarse de cubrir a solicitude e enviala ao domicilio do interesado, ou ben o viticultor pode recollela xa cumprimentada na sede do Consello Regulador. Aqueles que desexen que o Consello Regulador os axude neste trámite deberán contactar no número 982 410 968. Unha vez recibida, a solicitude debe ser presentada nunha oficina de Extensión Agraria ou nun Portelo Único de calquera concello.

Esta subvención está dispoñible tanto para os viticultores que comercializan uvas como para aqueles que non o fan. Cómpre destacar que o procedemento de solicitude é moi sinxelo, xa que unicamente se requiren os datos persoais e o número de conta bancaria.

O importe da axuda varía entre 1.000 e 2.000 euros por hectárea, dependendo de se se trata dunha superficie chaira ou mecanizable, ou dun socalco tradicional de pedra non mecanizable.

Así mesmo, o Consello Regulador comunicou aos viticultores que o pleno da DO Ribeira Sacra trasladou á Xunta de Galicia o seu interese en activar a medida de colleita en verde. Tamén se lles solicitou que indiquen se estarían interesados nesta medida, co fin de estimar con precisión as necesidades financeiras. Ademais, contactarase telefónicamente cos viticultores que non tiveron contrato en 2024 pero si en 2023 para coñecer o seu posible interese nesta iniciativa.

Por último, informouse sobre a aprobación por parte do pleno do Consello Regulador da limitación de novas plantacións e da solicitude de modificación do Prego de Condicións no referente aos rendementos máximos por hectárea das variedades tintas, que pasarían de 9.500 kg/ha a 7.500 kg/ha.

0.1773829460144