As ANPAS dos CEIP de Monforte e A Gándara piden ao Concello que se faga cargo do servizo de madrugadores

RibeiraSacraXa
Subliñan que é un “servizo esencial” que actualmente funciona grazas á dedicación voluntaria das familias
ceip-a-gandara-monforte
23 Feb 2026

As ANPA do CEIP Plurilingüe de Monforte e do CEIP Plurilingüe A Gándara piden ao Concello de Monforte de Lemos que se faga cargo do servizo de madrugadores nos colexios públicos da cidade ou, no seu defecto, que solicite a subvención SI436A convocada pola Xunta de Galicia para programas municipais de conciliación.

Segundo explican as asociacións, nos últimos meses mantiveron dúas reunións co Concello para explorar posibles vías de colaboración, sen que se concretase ningún compromiso por parte da administración local, que segundo denuncian, considera que este servizo non é da súa competencia.

As ANPA subliñan que o servizo de madrugadores “non é unha actividade extraescolar, senón un recurso esencial de conciliación que require planificación, estabilidade, persoal con formación específica e ratios axeitadas”. Actualmente, continúa funcionando grazas á dedicación voluntaria das familias, que xestionan o servizo no seu tempo libre e sen compensación económica.

No comunicado tamén recordan que, en reunións anteriores, se lles trasladou que non se concederían máis subvencións nominativas. “Porén, este ano figura unha nova subvención nominativa destinada a un novo club deportivo da cidade”, sinalan, engadindo que os tres centros concertados contan con subvencións nominativas municipais, mentres que os colexios públicos non dispoñen deste tipo de apoio.

As asociacións consideran que garantir o servizo de madrugadores sería coherente co Plan de Igualdade aprobado polo Concello e coas políticas de conciliación que deben impulsar as administracións públicas. Tamén lembran que a Xunta vén de convocar axudas específicas SI436A para financiar programas municipais de conciliación, “polo que existe unha vía clara para asumir o servizo con estabilidade”.

“As familias seguiremos traballando con responsabilidade, pero a conciliación non pode depender do voluntarismo nin substituír o papel que corresponde aos servizos públicos”, sinalan nun comunicado.

0.074939966201782