Arredor dun cento de escolares participarán como paxes reais na Cabalgata de Reis de Monforte

RibeiraSacraXa
O desfile celebrarase este luns 5 de xaneiro cun percorrido adaptado polas obras da estación de Renfe e finalizará na Casa do Concello cunha recepción oficial
Reunión-familias-Monforte-Reis-26
5 Jan 2026

Arredor dun centenar de nenos e nenas dos centros educativos de Monforte tomarán parte este luns, 5 de xaneiro, na Cabalgata de Reis que percorrerá as rúas da cidade ata a Casa do Concello. Como marca a tradición, o alumnado de 6º curso de Primaria exercerá o papel de paxes reais no desfile, para o que o Concello lles cedeu os traxes e os zurróns necesarios como figuración.

Na mañá deste sábado, a Casa da Cultura Lois Pereiro acolleu o acto de entrega das bolsas con todo o material preciso para participar na Cabalgata. A concelleira de Sanidade, Tráfico e Mobilidade, Pilar Espinosa, xunto co técnico da Concellería de Cultura, Carlos Rodríguez, foron os encargados de reunirse co alumnado participante e coas súas familias para facer a entrega e explicar os detalles organizativos do evento.

Entre os escolares participantes, nove nenos e nenas voluntarios foron elixidos mediante sorteo para acompañar ás Súas Maxestades nas carrozas reais, mentres que o resto desfilarán a pé, repartindo caramelos ao longo do percorrido. Os representantes municipais informaron tamén de que este ano, debido ás obras que se están a executar na Estación de Renfe, a chegada dos Reis Magos terá lugar na pista cuberta da rúa Doutor López Suárez, fronte ao Cuartel da Garda Civil, onde manterán un primeiro encontro coa rapazada.

A chegada de Melchor, Gaspar e Baltasar está prevista para as 17.30 horas, momento no que os nenos e nenas que se acheguen poderán saudalos e compartir con eles a ilusión dunha tarde na que, ademais de bos desexos, repartirán caramelos durante todo o desfile. No parque López Suárez formarase a comitiva real, integrada por catro carrozas cos Reis Magos e os seus paxes.

A Cabalgata dará comezo ás 18.30 horas desde a rúa Doutor López Suárez e continuará cara Rosalía de Castro para seguir o percorrido habitual polas rúas Calvo Sotelo, Roberto Baamonde, Cardeal, Avenida de Galicia pola Ponte Nova e Campo de San Antón, ata chegar á Casa do Concello de Monforte. Alí, os Reis Magos serán recibidos polo alcalde, xunto con outras autoridades e membros da corporación municipal, nas escaleiras do edificio consistorial.

A continuación, as Súas Maxestades dirixiranse á veciñanza coa lectura do seu discurso desde os balcóns do Concello, para pechar a visita cunha recepción aos nenos e nenas na planta baixa do Consistorio. O alcalde anima a toda a veciñanza a asistir á Cabalgata de Reis e agradece a colaboración dos centros de ensino CEIP Monforte, Escolapios, Fundación Educativa Torre de Lemos, Colexio Ferroviario e CEIP A Gándara.

⚙ Configurar cookies
0.076725959777832