Aos grupos de Whatsapp de pais cárgaos o demo

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
O pupitre é a sección do mestre Julio Díaz no que trata os temas de actualidade no ámbito educativo cun toque persoal
julio diaz foto colaborador lugo
11 Mar 2022

Por Julio Díaz

Desde hai tempo veño dicindo que hai un antes e un despois da creación dos grupos de Whatsapp de pais e nais nos nosos centros educativos. Estes grupos son xa parte da nosa vida cotiá como poden ser as actividades extraescolares, ou as mesmas avaliacións.

A fenda que existe entre familia e  escola non se soluciona cun parche dixital, é preciso que os problemas se solventen nos espazos e tempo que se correspondan e non deixar ao azar das redes esta necesidade imperiosa de comunicación.

Pasamos do círculo á porta do colexio ou da cafetería da esquina aos grupiños de pais/nais en Whatsapp con todo o que supón un mal uso dos mesmos.

Whatsapp é unha boa ferramenta para que as familias do alumnado se comuniquen se se dá bo uso dela, é unha vantaxe e de moita utilidade para intercambiar información, impresións, novas do centro… pero dese uso pasamos a outros que xeran multitude de problemas: intentar ser a axenda diaria dos nosos fillos/as, críticas, insultos, difamacións ou calumnias aos docentes, a outros pais e nais ou aos propios alumnos/as, difusión de rumores…

Teño visto conversacións de Whatsapp que ninguén crería. Rifas, murmuracións, recriminacións e ata ameazas con ir aos xulgados. Ben é certo que se na comunicación cara a cara poden xurdir malos entendidos, cando no grupo non se coñece verdadeiramente a moitos dos participantes é normal que se xeren conflitos, presuposicións e sobre todo mensaxes inoportunas ou incoherentes e mesmo nalgunha ocasión algún membro do grupo saca “o pé do testo” de mala maneira.

Desde que existen os “guasapeadores” hai un novo mundo da comunicación extraescolar onde o alumnado  precisamente non participa e son os seus pais/nais os “artistas principais”. E “pobre” daquel alumno/a cuxos proxenitores non pertenzan a un grupo, estarán desinformados e serán obxecto de crítica do resto de integrantes do mesmo. Por iso, “estar hai que estar”, pensan todos/as os pais/nais.

Ata hai uns anos a través do emprego do teléfono, de notas escritas, a hora de adestramento… eran a base de información entre os pais/nais. Logo instaurouse o correo electrónico e agora o Whatsapp, que ao instante fai chegar a moitas persoas a información: aniversario de Sara, colecta para o agasallo de Antón, Manu perdeu o libro, disfraces, lea no comedor, excursión do luns, o profe hoxe xa ves… estase pasando…, un chiste, unha acusación, un insulto…

As miñas recomendacións finais son as seguintes: nunca agregues a ninguén sen consultarlle antes, non todos/as os/as pais/nais queren estar no grupo. Se o grupo comeza a utilizarse de xeito inadecuado non sexas cómplice, intenta cortar esa actitude. Dirixe calquera queixa ou suxestión directamente ao profesorado, non trates de solventalo no grupo. Utiliza as canles oficiais para comunicarte co centro. Escribe soamente información relevante e evita a difusión de vídeos, fotos ou imaxes de docentes, pais/nais ou alumnos/as. Non compares as tarefas que levan os teus fillos/as coas dos seus compañeiros. Cada neno/a ten un ritmo diferente de aprendizaxe.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18087387084961