'Anhelos', a exposición fotográfica sobre a deconstrución masculina chega a Pantón
A mostra fotográfica, baixo o nome de 'Anhelos', inaugurada en Sober, comeza en Pantón o seu percorrido fóra do Concello. O centro sociocultural acolle ata o vindeiro 15 de outubro a exposición sobre a deconstrución da masculinidade tradicional.
A iniciativa está promovida polo departamento de Servizos Sociais do Concello de Sober tras o éxito acadado pola exposición ‘Inmarcesibles’ sobre a beleza real feminina, e pretende facer reflexionar sobre a necesidade de deconstrución do modelo de masculinidade dominante e xerar novas formas de relación coas mulleres, vínculos máis libres para ambos e afastados do que a sociedade patriarcal nos inculcou e nos vendeu como “normal”.
Así pois, as impulsoras do proxecto consideran “necesario que os homes leven a cabo unha reflexión sobre a súa identidade e sobre a súa capacidade de transformación social, que sexan conscientes de que o proceso de socialización os envía e os sitúa baixo un modelo dominante de masculinidade tradicional asentado e reforzado por un sistema patriarcal férreo”.
“Son mandatos que non lles deixan espazo para realizarse a eles mesmos, pois indícanlles como teñen que ser e como han de actuar, cadeas inxustas que os envolven limitando a súa existencia, dificultándolle, tamén, ter relacións xustas e igualitarias coas mulleres”, apuntan.
A mostra
As fotografías foron tomadas pola profesional María Fernández e a exposición conta cun total de 19 fotos, nas cales aparecen, de forma voluntaria, 41 persoas -34 homes e 7 mulleres-, entre os que se atopa o alcalde do Concello de Sober, Luis Fernández Guitián.
A maior parte dos modelos son da zona de Sober e arredores, aínda que tamén hai participantes doutras provincias galegas e incluso estranxeiros que quixeron colaborar de xeito desinteresado coa iniciativa.
Ao igual que a mostra ‘Inmarcesibles’, esta exposición fotográfica será itinerante, polo que se trasladará por aqueles concellos e institucións que están interesados na súa proxección, pero durante os meses de xullo e agosto poderá visitarse no Centro Sociocultural de Sober.
Esta actividade está financiada pola Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, dentro das transferencias para o desenvolvemento de novas e ampliadas competencias reservadas as entidades locais no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.