Agroma Sober pídelle ao Goberno local que apoie á ANPA do CEIP Virxe do Carme

RibeiraSacraXa
Explican que a Consellería de Educación da Xunta non cumpre os acordos e non van poñer máis profesorado este curso 2024-2025
Agroma-Sober-queixa
3 Ago 2024

Agroma Sober-Interior Galego Vivo levou unha proposta ao pleno do Concello de Sober para que a Corporación amosara apoio e respaldo á ANPA do CEIP Virxe do Carme en relación á necesidade de cumprir os acordos da propia Xunta e poñer máis profesorado este curso 2024-2025.

O acordo aprobado di: "A Corporación Municipal do Concello de Sober respalda as reivindicacións da ANPA do CEIP Virxe do Carme de Sober e, a través do Goberno Local, dirixirase á Consellería de Educación solicitando o cumprimento das rateos de profesorado acordadas no Acordo de Melloras de outubro de 2023: isto é, que non se agrupe a alumnado de cursos diferentes con máis de 14 alumnos/as na mesma unidade".

Porén, denuncian desde Agroma Sober, o Partido Popular "deixou claro que non hai intención da Xunta de aumentar profesorado este curso".

A Consellería de Educación ten previsto que para o curso vindeiro no CEIP Virxe do Carme de Sober só se contemplen 4 aulas de Primaria, co cal se agrupa ao alumnado de 1º e 2º e ao de 5º e 6º. "Isto provocará que estas aulas teñan 16 alumnos/as por clase, rebasando a rateo establecida e motivando unha perda de calidade do ensino e un sobreesforzo do profesorado. Hai que ter en conta que parte do alumnado presenta necesidades especiais e que tampouco a Consellería dota aos centros de todo o persoal de apoio necesario". explican.

Por todo isto, din que a Consellería "incumpre o seu propio Acordo de Melloras respecto á rateo, do 11/10//23, que recolle que non se poden agrupar en Educación Primaria máis de 14 alumnos/as de dous cursos diferentes na mesma unidade".

Así, din que o alumnado que este ano no CEIP de Sober curse 1º, 2º, 5º ou 6º de Primaria "terá menos dereitos que o alumnado dos vindeiros anos (se é que se aplican os acordos, que tampouco hai concreción de cando será esa aplicación progresiva)".

Por todo isto, conclúen que desde Interior Galego Vivo "seguiremos defendendo a contratación xa de profesorado para garantir aulas coa rateo axeitada, que permita ao alumnado e ao profesorado aprender e traballar coa maior calidade".

0.19135499000549